A maioría destes municipios está en Ourense (22). Entre todos suman apenas o 0,7% da poboación do noso país.
Dos 314 concellos que hai en Galiza, 27 teñen menos de mil habitantes. Un número este que supón que desde 2008, cando había 17 municipios que non chegaban aos mil residentes, aumentaron no noso país un 58% estes concellos, segundo a memoria do Consello Económico e Social. A gran maioría deles está na provincia de Ourense (22). Suman entre estes 27 municipios 19.245 persoas, o 0,7% da poboación galega.Caeu neste período (2008-2015) o número de concellos cunha poboación entre 1.001 e 5.000 habitantes. Había ao inicio da crise 182 municipios con residentes entre as cifras comprendidas nese arco mais agora son 173, o que supón 9 menos. Entre estes 179 concellos suman un número de habitantes de case 415.000 persoas, o 15,2% do total de Galicia. Achegaban o 16,7% en 2008.
Desde o comezo da crise Ferrol perdeu o 7% da súa poboación. A caída media nas sete cidades galegas foi do 0,3%.Case o 70% da poboación galega vive nos 56 concellos con máis de 10.000 habitantes: 1.905.342 persoas, o que supón o 69,7% das que viven en Galiza. Entre as sete cidades galegas suman 989.936, o 36,2%. É dicir, que estamos moi perto de que catro de cada dez galegos residan nun dos sete concellos máis poboados. Porén, a poboación total destas sete urbes descendeu entre 2014 e 2015 en case 4.500 persoas. Non todas tiveron o mesmo comportamento. Así, A Coruña e Ferrol perderon neses doce meses 940 e 937 habitantes, respectivamente.
Dende o comezo da crise o descenso máis acusado prodúcese en Ferrol, con case 5.250 residentes censados menos, o que supón unha caída do 7% entre 2008 e 2015 (-0,3% no conxunto das sete cidades e -1,9% en Galicia). Por contra, o incremento máis significativo corresponde a Lugo, cunha medra do 2,8%, por diante de Pontevedra, cun 2,2% (1.790 habitantes) e Santiago de Compostela, cun 1,3%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario