Organizacións agrarias advirten que se está nunha situación “extrema”. A produción de millo caeu á metade e as perdas son de varias ducias de millóns de euros.
A seca afoga o campo galego. Recoñéceno gandeiros, produtores, organizacións agrarias... A ausencia de choivas e altas temperaturas está a bater, e non pouco, a un sector, o gandeiro, que non está falto de dificultades após levar meses soportando caídas de prezos. Mais tamén a secta está a xerar problemas e prexuízos a produtores hortícolas, agricultores... “A seca está a afectar moito, como non, e non para ben precisamente”, manifesta Elías Somoza, da Federación rural galega (Fruga) en conversa con Sermos Galiza.A situación tamén se denuncia desde outras organizacións, como Unións Agrarias, que fala dunha perda do 50% na produción de millo, a principal especie cultivada no país, e perdas por riba dos 50 millóns de euros. A produción anual de millo forraxeiro (somos os principais produtoresz do estado, unhas 70.000 hectáreas cultivadas) sofre, logo, unha perda considerábel. E isto vai afectar negativamente aos gandeiros, tanto de vacún de carne como de leite.
“Imos pasalo moi mal”
“As explotacións de carne e de leite de pastoreo teñen que gastar agora a forraxe que tiñan para o inverno porque coa seca non hai aspstos”, explica Somoza, que incide no problema que para este sector implica que a colleita de millo vaia ser baixa: “É o alimento do gando”. E isto, engade, chega nunha situación na que os baixos prezos do leite provocaron que nos primeiros sete meses do 2016 tivesen que botar o fecho máis de 320 explotacións en Galiza.
Desde UUAA apontan que a merma da produción dase en moitos máis produtos que no millo e que estas perdas non van ser recuperábeis. Máis unha mala nova para o rural galego.
Somoza considera que, se ben a climatoloxía é un imprevisto sobre o que pouco se pode facer, si que a administración pode e deba actuar sobre as súas consecuencias. “Non falo só de indemnizacións”, di, mais de tomar medidas e facer previsións para actuar netse tipo de situacións de seca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario