mércores, 14 de setembro de 2016

“A cultura galega ten moito potencial económico”

Luís Bará cre que hai moita xente decepcionada coas mareas pola súa xestión nos concellos. Nesta entrevista, o edil de Pontevedra pídelles o voto enarborando a experiencia de goberno do BNG. As enquisas, o futuro do Bloque e a política cultural -el foi director xeral de Creación co bipartito- son outros dos puntos desta conversa co cabeza de cartel nacionalista por Pontevedra.

Cal é a súa valoración do debate electoral deste luns?
O debate resultou moi interesante para coñecer tanto as propostas de cada un como sobre todo as persoas que lideran os proxectos. Por parte do BNG, quedou claro a experiencia e solvencia de Ana Pontón. Quedou claro que coñece da realidade do país, que ten valentía e coraxe,  e así en moitos intres logrou poñer contra as cordas a Feijóo. Demostrou gran nivel e que é unha gran líder política, o BNG acertou de pleno na súa elección, é unha persoa que ten moito futuro.
E que lle pareceu que Cristina Losada falara en galego só na súa intervención e o resto o fixese en castelán?
Algo absolutamente previsíbel porque Ciudadanos non ten un discurso para Galicia, xa nas xerais non tiña no seu programa propostas concretas para o país. Demostrou ser  unha forza totalmente allea ao pais; como dixo un comentarista, no debate había catro persoas discutindo e unha extraterrestre, neste sentido, no do idioma, son irrelevantes.
Como valora as enquisas até o de agora? Parece que todas dan seguro un deputado do BNG por Pontevedra … Pódese facer unha lectura negativa, porque todas din que o Bloque vai sacar aínda menos deputados que hai catro anos; pero tamén positiva, no sentido de que pode que se cambie a tendencia da desfeita das xerais e que non se vaia producir a desaparición do mapa do Bloque que algúns prevían ...
O primeiro que hai que dicir é que as enquisas son prognósticos que moitas veces fallan. Ademais, teñen a función de crear un estado de opinión respecto as eleccións. As enquisas tamén reflicten un gran volume de indecisos, na propia campaña hai unha parte do electorado que toma a decisión de a quen votar en función do que lee e escoita na campaña, e nós imos traballar para convencelos de que somos a mellor alternativa para Galicia, unha alternativa propia para o pais. As xerais foron nun contexto moi adverso e penso que o ambiente que vemos agora na rúa é diferente, cunha recuperación do BNG. Creo que hai moita xente que votou outras opcións nas xerais e que está desencantada polo papel que xogaron esas outras forzas, que se din novas, como Podemos e as mareas galegas, que non foron quen de formar unha alternativa real. Polo contrario, o BNG  segue firme e imos convencer a moita xente de hai unha alternativa propia no país.
A nivel persoal, que o levou a vostede a probablemente cambiar un escano nunha forza como BNG, que leva moitos comicios devalando  nivel autonómico, cando é concelleiro nunha cidade, Pontevedra, na que polo contrario o BNG mantense moi firme elección tras elección ?
Nós estamos en política non por intereses persoais senón para defender un proxecto político e a xente do BNG considerou que eu era a persoa adecuada para estes comicios. Cando hai que tomar decisións deste tipo é nestes intres complexos, de dificultades, como son estes. Agora é cando hai que dar a cara. Teño que dicir ademais que eu síntome moi arroupado por moita xente.
Fala vostede de que hai moita xente desencanta coas mareas visto o sucedido coas eleccións xerais. ...
O desencanto é evidente porque perderon un millón de votos…
Que lles diría a esa xente que votou a En Marea no seu día e que agora pode considerar votar ao BNG?
Eu diríalles que este non é o intre de experimentos, senón da experiencia. Hai forzas políticas que agora vemos gobernando que teñen un proxecto de xestión que está sendo absolutamente decepcionante. Pola contra, o BNG pode presentar un gran expediente de goberno en ducias de concellos nos  que está a levar a cabo proxectos valentes, onde está a sacar adiante cidades que estaban esmorecendo, en declive. Isto mesmo podemos facer con Galicia, o país necesita agora mesmo atrevemento, experiencia e coraxe; e esa combinación é a que pode aportar o BNG. O país está agardando por un proxecto político así, que demostre que este país é capaz por si mesmo, que ten recursos e riqueza.
Vostede foi un dos altos cargos da Consellería de Cultura (en concreto director Xeral de Creación e Difusión Cultural ) durante o bipartito. En base a esa experiencia, como avalía a política cultural do PPdeG estes catro anos?
Hai dúas cuestións básicas. A primeira é que o PP non cre na cultura galega como algo con potencial, con valor de seu. A súa política pasa por potenciar as manifestacións mais típicas do folklore, do rexionalismo cultural. A segunda é que o PP o que fixo foi botar abaixo todos os proxectos que se puxeran en marcha naquel intre, toda a política da memoria, ou de proxección internacional da cultura galega, ou o circuíto de creación cultural … Cando non se cre no propio, a política que se fai é deixar que se faga, sobrevivir, non apostar valor a un sector que ten moita potencia económica, que xera máis do 2% do PIB do país, a parte do valor identitario, e do feito de que a cultura é unha xeradora de benestar.
Máis alá da Cultura, a principal preocupación da cidadanía é o paro. Que propostas ten en concreto o BNG para a provincia de Pontevedra?
As nosas propostas son para todo o país, non para unha provincia. Hai medidas como a creación de instrumentos políticos e económicos propios,  como a creación dunha banca pública que sirva para dinamizar os proxectos dos emprendedores e dos mozos. No referido á fiscalidade, o noso modelo é totalmente diferente do dos demais, cun novo modelo de financiamento autonómico que sirva para atender  todas as necesidades do sistema educativo e de benestar. Tamén apostamos por dinamizar os nosos sectores produtivos, poñer a producir toda a riqueza que temos no monte e no mar.   Incidir nos nosos sectores dende o sector público para aumentar o valor dos produtos galegos, como no sector lácteo.Temos un país rico, non podemos vivir da solidariedade do exterior.  Hai que romper barreiras e prexuízos porque hai moitas sectores como o naval que están a demostrar que temos capacidade de competir internacionalmente.
A Xunta acaba de nomear como peritos do accidente do Porriño aos mesmos que nomeou para Angrois. Cre que podemos ter seguridade de que os accidentes de tren se investigan correctamente?
O goberno do estado e da xunta non teñen ningunha credibilidade. A investigación de Angrois foi un escándalo que mesmo deu lugar a unha reprimenda da Unión Europea. Ao fío disto quero facer unha reflexión sobre este tema do transporte, o q debe ser unha cuestión prioritaria para a Xunta é a situación das estradas autonómicas. Nelas morre moitísima xente, moitas veces peóns condenados a sufrir accidentes porque viven en contornas hostís para eles e non se pensan as estradas para a seguridade das persoas que viven alí. Hai que facer un cambio e apostar por un novo modelo de transporte. As prioridades deben ser mellorar a seguridade das estradas e outras formas de transporte
Para ir rematando, que resultado prevé ou lle gustaría para estas eleccións?
O primeiro que sexamos capaces de derrotar a dereita de Feijóo, que é unha dereita sen alma, ruín e covarde, que non se enfronta as decisións de fóra, é servil e non ten ambición do país.
E para o BNG? 
Que saia un BNG fortalecido, capacitado para repensar o noso papel político e cun  modelo con garantías para afrontar o noso proceso de refundación, o Proceso Adiante, para sermos máis fortes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario