O Consello
da Cultura Galega presentou este venres as actas dos congresos de
Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro editadas en formato
multidispositivo, é dicir, accesíbeis e perfectamente consultábeis
dende calquera tipo de trebello tecnolóxico. Falamos dos congresos
Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada e
Mil e un Cunqueiros, dous
eventos que revisaron no seu día a obra dos dous escritores galegos
e cuxo legado (o dos congresos) recupera agora o Consello da Cultura
nun formato dixital “que adapta e maqueta os contidos en función
do dispositivo de lectura”. Segundo fixeron saber os representantes
da nosa cultura que participaron no acto de presentación, a xornada
deste venres non só vai representar unha xornada importante para o
CCG, senón tamén para os propios Rosalía e Cunqueiro e, tamén, para
a cultura galega. “Cada unha das pezas publicadas”, fixo saber a
vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez, “terá vida propia porque navegará pola
Rede con vida propia”.
Rosario Álvarez tamén
apuntou na presentación que as publicacións dixitais anunciadas
superan as dúas mil páxinas, sumando máis de cen textos doutros
tantos autores que se organizan seguindo a estrutura dos congresos
aos que remiten. Na opinión da vicepresidenta do CCG, “a
concorrencia nestes avances tecnolóxicos é o que lle dá ao galego
o poder de estar en calquera lugar do mundo e obter un retorno dende
alí”.
No acto tamén estivo
presente Manuel Gago, responsábel da vertente dixital do Consello,
que sinalou que a iniciativa dada a coñecer (esta dixitalización
das actas dos congresos de Cunqueiro e Rosalía) e outras moitas nas
que traballa o CCG, responden a unha vontade de aproveitar os novos
xeitos de consumir cultura, un proceso que se dá xa en múltiples
escenarios e de moitas maneiras diferentes, antes impensábeis.
Igualmente, dixo que os traballos desenvolvidos e que desembocaron
nas actas dixitalizadas “serviron de campo de probas para presentar
unha nova forma de edición dixital”. Falou tamén de que unha das
bases do proxecto é o concepto de coñecemento adaptativo, unha
fórmula de subministro de información que rompe non só os límites
impostos polo papel senón límites tamén tecnolóxicos (entra en
xogo a posibilidade de concorrer con calquera trebello TIC, tableta,
móbil, computador e tamén papel), e que favorece a discusión
científica e a diseminación entre o público en xeral. “Neste
intre”, dixo, “presentamos dúas publicacións que de termos
apostado polo papel serían de moi difícil edición, e de feito
estamos a falar de contidos que abranguen arredor de 1.200 páxinas”.
Outro dos obxectivos da iniciativa foi, en realidade, xerar conversas
a partir dos contidos achegados.
En palabras de Dolores
Vilavedra, editora e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e
Sociedade do Consello da Cultura Galega, “o que se presenta foi un
proxecto ambicioso que exhibe un concepto de coñecemento en aberto a
partir da difusión na Rede”. Pola súa banda, o profesor da
Universidade de Vigo Manuel Forcadela asegurou que as actas que se
fornecen en formato multidispositivo “fan parte do noso tesouro
patrimonial”. No caso de Rosalía, dixeron, “a publicación serve
para evidenciar a vixencia da súa obra, para poñer de relevo as
novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas
décadas”.
Segundo fixeron saber, a
publicación referente á autora de Follas Novas recolle o
testemuño da devandita cita congresual en 60 textos, agrupados nos
bloques en que se estruturou o congreso do ano 2013, que veu da man
do CCG combinando a estrutura dun evento físico e outro virtual, e
complementándoos cunha exposición de citas culturais. Polo que
respecta ao outro evento, o de Cunqueiro, sinalar que se celebrou en
2011 e que tamén foi organizado polo Consello, coincidindo co centenario do nacemento do autor
de Merlín e familia. Na cita, entre outras cousas,
revisáronse as obras do escritor e avaliáronse os estudos sobre a
súa figura levados a cabo até esa data. A publicación dixital
presentada este venres recolle as 7 conferencias e 25 comunicacións expostas no
congreso, así como as intervencións nas 4 mesas redondas. “Os
materiais”, informaron os responsábeis da iniciativa, “foron
organizados en función de criterios temáticos, tendo en conta as
áreas que se lles propuxeron ás persoas participantes, e que
serviron para artellar as sesións congresuais”.
No acto tamén interveu o
presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen se
amosou moi compracido de que fosen Rosalía e Cunqueiro, “dous
clásicos e soñadores”, os que finalmente acaben por protagonizar
este avance da nosa cultura cara a novas olladas, novos estudos. “Nos
vindeiros anos”, engadiu, os métodos presentados vanse seguir
testando con outros eidos da nosa cultura e outras escritoras e
escritores”. E concluíu: “Con isto rompemos o círculo vicioso
da autorreferencia, un muro no que voluntariamente ou non nos
deixamos encerrar”.
Na cita participou igualmente Anxo Angueira, presidente da Fundación
Rosalía de Castro, quen cualificou a data deste venres 27 de “data
histórica para o CCG e para a cultura galega”. Unha cultura, engadiu,
que certamente ten moito en contra, “xa que os galegos non temos
exército, nin unha xeografía estratéxica nin tampouco poder demográfico,
e malia todo fomos quen de ter e conservar unha cultura milenaria, un
milagre que faise, refaise e agora continúa”. E concluíu: “Dende aquí,
hoxe na sede do Consello da Cultura, o que fiemos foi alimentar o soño e
que as brasas fiquen vivas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario