No B.O.E. do 24 de febreiro, e mentres todos andabamos pendentes do que acontecía na pantalla do iPad de Celia Villalobos, o Goberno publicaba dúas Resolucións (1849 e 1850) da Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial, polas que se publica o currículo do ensino de Relixión Católica de Bacharelato.
Trátase dun acordo entre o Estado español e a Santa Sé sobre Ensino que deixa en mans da Xerarquía Eclesiástica deseñar os contidos do devandito ensino no noso sistema educativo dende Primaria ata o Bacharelato.
Nun Estado laico a separación sería tallante e sería imposible que acontecesen influencias oficiais deste tipo, non obstante o artigo 16 da nosa Constitución, tras proclamar altivo que en España temos liberdade relixiosa e que ninguén será queimado por herexe como en tempos pasados, engade un punto número 3 onde aínda que aclara que o Estado non ten unha confesión relixiosa oficial, engade unha trasnoitada e innecesaria coletilla… ben, confesionais si que somos un pouco xa que a Igrexa Católica ten enchufe.
Esa pequena e breve frase do final do artigo 16.3 da CE é a base fundamental para que a Igrexa Católica -apostólica e romana que se adoitaba engadir en tempos do xeneralísimo- e por enriba doutras confesións relixiosas, teña privilexios e manga ancha para esta e outros atropelos á razón nos que non entraremos hoxe.
As resolucións establecen, como vén sendo habitual, a voluntariedade (faltaría máis) da materia de relixión [católica maioritariamente] para os alumnos pero a obrigatoriedade para os centros docentes de ofrecela a quen a pida. Un choio que para si quixesen outras ducias de relixións.
Unha vez que a Igrexa ten o control total do que se imparte e de como se avalía o alumno nesa materia, o resto é puro esperpento e volta a séculos pasados. As afirmacións surrealistas vanse sucedendo unha tras outra (anímovos -se tedes estómago e o cerebro aínda medio durmido estas horas- a que leades as resolucións publicadas no BOE).
Aínda así, e entrando este tipo de accións dentro do que cabe esperar dun goberno de dereitas e católico con decisión, o máis preocupante de todo é o creacionismo que zumega todo o texto e que, ao cabo será a base pola que se examine e puntue ao alumno.
Eu mesmo recoñezo que de pequeno tiven materia de relixión, e por suposto non me escandalizo porque nesa materia se ofreza ao alumno a resposta á creación do Universo por un Deus (o cristián) omnipotente, omnipresente e
A resolución 1850 pasa a converterse nunha das leis máis retrógradas dos últimos & hellip; séculos, poñendo o alumno na tesitura de, para aprobar relixión ter que suspender en ciencias…
PD: Por certo, Funfrok pásame tamén a Resolución referente á relixión islámica e resto de confesións, aprobada en novembro 2014, por se tamén queredes seguir co festival de materia escolar relixiosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario