mércores, 30 de abril de 2014

"Queremos galego, queremos futuro!" por Marcos Maceira

A lingua é o principal elemento que  distingue o xénero humano de calquera outra especie animal. A diversidade de linguas é mostra da diversidade humana. Sen idioma, o desenvolvemento cultural, económico, social de cada un dos pobos que conformamos a humanidade non sería posíbel. Sen lingua de seu os pobos non só non avanzan, desaparecen.
A reivindicación e a defensa consecuente do idioma propio, non é ningún arrouto identitario, ningunha cuestión menor ou prescindíbel. É defender e reinvindicar a maior criación colectiva dun pobo. É loitar pola igualdade e o dereito das nacións ao seu propio desenvolvemento social e humano, que sempre é directamente proporcional á normalidade de uso da súa lingua no seu territorio. Por iso o berro colectivo de Queremos galego! é sinónimo de Queremos futuro!
Na nosa nación os ataques contra a nosa lingua incrementáronse nos últimos anos, tendo á cabeza destes ataques a quen ten a obriga legal de defendela, o señor Núñez Feixó, presidente da máis alta institución en Galiza, ao que lle temos que lembrar que quen non respecta a lingua do seu País tampouco o respecta e polo tanto despreza aos seus cidadáns.
Un desprezo ao seu pobo que demostrou desde o primeiro momento coa eliminación da proba de galego para o acceso á función pública, o decretazo contra o galego no ensino, a xustificación permanente de accións contra o galego do goberno español como o non recoñecemento da documentación oficial na nosa lingua, ou a deturpación da toponimia.
O goberno de Feixó actúa como se o galego non fose oficial, como se non exisitise ningunha norma que ampare o seu uso. É o primeiro en incumprir a lexislación, o primeiro en vulnerar os dereitos que lexitimamente nos corresponden como cidadáns e falantes da nosa lingua e, por se fose pouco, é o primeiro goberno en Galiza, e probabelmente no mundo, capaz de recorrer unha sentenza favorábel ao seu idioma.
É o goberno do autoodio e o que aínda se atreve a falar de igualdade. Eis unha mostra da igualdade e da paz lingüística, con algúns titulares dos últimos tempos que puideron chegar a coñecerse grazas ao traballo continuado da Mesa: 
- Só o 3% dos centros de educación infantil das cidades imparten o ensino en galego.
 - O Goberno español nega unha bolsa predoutoral a unha estudante por entregar o certificado de estudos en galego. 
-“Si haces la prueba en gallego no te la corregimos”. Unha moza de Redondela viu vulnerado o seu dereito ao uso do galego nas probas de selección para as bolsas de Turismo do concello.
 - Unha doutora do SERGAS exixiu a familiares dun moribundo que non falasen en galego na súa propia casa.
- Un paciente do SERGAS é obrigado a retrasar unhas probas de preoperatorio por solicitar a documentación en galego.
 - Un xulgado de Vigo ameaza con non admitir unha demanda en galego se non se presenta cunha tradución xurada ao castelán. 
- O Concello do Barco de Valdeorras non respecta a oficialidade do galego. “Esto es así. Siempre fue así. ¿No ves que esto te es pal juzgado?”
- “O galego é tratado como lingua de segunda” nas festas de María Pita.
- Ordenan colocar adhesivos enriba dos únicos sinais que hai en galego na AP-9.
- A Mesa alerta de que Novagalicia Banco tamén está a ser desgaleguizada na lingua.
- Génesis Seguros négase a enviar unha poliza en galego.
- Carrefour discrimina o galego.
- Facebook continúa con Arteijo e Rianjo por causa da Xunta.
- Renfe recupera La Coruña e Orense.
  
O que veño de citar é só unha mínima parte do que acontece neste país todos os días. Agresións a cidadás e cidadáns por expresárense na súa lingua, no seu país e negárense a ser estranxeiras na súa patria.  Sempre nestes casos a vítima de semellantes agresións é a que remata por converterse en culpábel. Poderiamos concluír que o cliente de calquera empresa ou usuario dun servizo público sempre ten a razón agás se fala galego. Entón non merece nin a máis mínima mostra de respecto, nin a mostra de cortesía máis elemental.
Que podería dicir que non se saiba na Coruña, onde o seu alcalde, o señor Negreira, actúa como se a lingua galega non existise nin fose oficial, tal e como tantas veces temos que denunciar?
Mais o galego existe, o pobo galego existe. E aquí está A Mesa pola Normalización Lingüística para evitar o triúnfo do Plan de Demolición de Alberto Núñez Feixó, para non resignarse, para activar a sociedade galega na defensa da súa existencia. Porque todos os avances que se conseguiron para a nosa lingua foron froito da presión social. Á lingua galega ninguén lle regalou nada.
Se neste  momento a desprotección fronte aos ataques á nosa lingua non é  total, é precisamente por contarmos coa Mesa pola Normalización Lingüística, actuando como escudo de defensa ante o desprezo ao noso idioma, mais tamén como panca dunha sociedade disposta a activarse para a recuperación e a normalización plena do noso idioma. Así o demostrou nas máis grandes mobilizacións cidadás da historia do noso país, probabelmente do mundo, xunto con máis de 700 entidades sociais de todo tipo na plataforma cidadá Queremos Galego. Porque existe A Mesa, acompañada amplamente, existe esperanza no futuro do galego. Unha esperanza que o vindeiro 17 de maio multiplicaremos por 8, enchendo as rúas das principais cidades galegas.
Por iso A Mesa pola Normalización Lingüística manterá as liñas que a definiron até o de agora. Tentaremos mellorar o xa altísimo nível que se mantivo estes anos con Carlos Callón e Iria Taibo á frente, para achegar máis e máis xente a este proxecto. Para sumarmos máis forzas. Queremos toda a enerxía precisa para manter viva a lingua galega. Para podermos facer a nosa vida na única lingua propia da nosa nación, sen pedir desculpas, sen medo, tranformando os desprezos en acción colectiva.
 
Viva Galiza en galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario