mércores, 23 de abril de 2014

Gloria Lago despídese de Carlos Callón definíndoo como “impositor” do galego

“Imposición lingüística eres tu” parafrasea a Bécquer a presidenta de Galicia Bilingüe para despedir a Carlos Callón, no post do seu blog que titula “Bye bye Carlos Callón, que rimas con imposición”. 

“Din agora que deixa a entidade defensora da imposición porque quere volver a súa vocación como docente. E eu pregúntome por que non o terá feito antes”, sinala Gloria Lago, a presidenta da asociación Galicia Bilingüe que ten como obxectivo a loita contra a normalización lingüística.
Refírese Lago aos debates con Callón, nos que se confesa invadida dunha “inmensa tristura despois de telo soportado” e ao chegar a casa di que se tiña que “chutar” “varias dosis de Händel para recuperar” a súa “confianza na humanidade”.
E se volve?
“E se descobre que o ensino non lle gusta e volve?” pregúntase Lago, nun texto inzado de ataques persoais como os que Galicia Bilingüe promove contra as persoas que defenden a normalización lingüística. Lembra os ataques da súa asociación contra a Mesa e, en especial, que “se sacaran a luz os métodos de presión de A Mesa cara directores de colexios e pequenos empresarios” que foi, para a asociación, segundo di “algo demoledor”, como o artigo publicado por Manuel Romero “Hai una carta para ti”, ao seu ver “clave” na súa campaña de acoso á Mesa. “A partir de entón decidiron crear unha plataforma chamada Queremos Galego para manter A Mesa na retagarda unha tempada mentres escampaba”, interpreta, malia recoñecer que Callón era tamén voceiro da plataforma.
Recoñece a negativa de apoio público á asociación cultural máis numerosa do país por parte da Xunta como a resposta a “unha das poucas promesas que me fixo Feijóo e que finalmente cumpriu”. 
“Chegoume onte ao correo a mensaxe dunha persoa que me dicía que non agardaba que o substituto de Callón fora mellor ca el. Tal vez así sexa, mais isto é como cando curas unha gripe, xa sabes que non será a última mais que satisfacción saír á rúa e gozar do aire puro mentres dura a saúde!”, conclúe Gloria Lago, nun texto no que non aforra ataques persoais ao até agora presidente da Mesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario