martes, 15 de abril de 2014

nic.gal

O sábado pasará á historia externa da lingua galega por ser a data na que pasou a produción en probas o primeiro espazo web con dominio punto gal. 

Un fito senlleiro para o futuro do idioma galego na primeir ametade do século XXI, que así consolida a súa presenza singular na rede. Un proceso promovido contra vento e marea pola asociación puntoGal, (representada por nic.gal), que tamén xestionará e controlará este dominio galego activado dende onte polo ICANN, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial.
A partir de agora comezará un programa de «Pioneiros« co que a asociación puntoGAL busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social. Máis tarde comezará o período de lanzamento repartido nas fases de «Abrente» (sunrise) e «Carreira» (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de «Abrente» as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega. Mentres, o período de «Carreira» facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.
Tempo haberá de recoñecer aos responsables desta proeza que, en palabras do académico Manuel González, presidente da asociación puntoGAL e primeiro promotor do dominio, «dará visibilidade universal a nosa personalidade particular». Cónstame que foron moitos os apoios (12.000 persoas e 110 entidades), os esforzos e mesmo os cartos privados arriscados para acadar este dominio galego que en tempos difíciles abre un horizonte esperanzador para a lingua galega e a cultura dixital no idioma dos galegos. Beizóns a Manuel González e aos membros de puntoGAL.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario