Marcos Maceira, que será elixido a próxima fin de semana novo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, sinala como obxectivo "sumar máis vontades" e louva ao seu predecesor, Carlos Callón.
Que sentimento lle domina ante o horizonte que se abre, a responsabilidade ou a ilusión?
A responsabilidade é grande, sen dúbida ,
xa que temos por diante moito traballo na resposta social en defensa da
lingua, así que seguramente o que máis sinto é iso. Pero tamén
esperanza.
Encabeza unha nova dirección que di renovar pero dende a continuidade.
A renovación de persoas é grande, mais no
básico a Mesa vai continuar na liña de actuación que mantiña, de
denuncia e de expresión de alternativas a favor da normalización
lingüística. Se se pode falar dalgún cambio ese será o de querer sumar
moita máis xente á asociación. O número de persoas que se achegou a nós
desde que en 2009 Feijóo impuxese o seu plan de demolición do galego xa
foi enorme, como quedou comprobado nas diversas manifestacións nas rúas
de Santiago, e o que pretendemos é afondar nesa liña, sumar máis
vontades na defensa da lingua, conseguir máis avances. Ese é o
obxectivo.
É difícil que a causa do idioma manteña un espazo propio nun escenario de múltiples mobilizacións?
A realidade xa nos sorprendeu moito coa
grande implicación que houbo a nivel social coa nosa causa. Nun contexto
desfavorábel, en medio dunha campaña feroz contra a Mesa, a xente non
deixou de estar aí, de seguro que tamén porque a defensa da lingua ten
moito que ver cos avances e as reivindicacións sociais, os países máis
avanzados adoitan coincidir cos que teñen normalizadas as linguas
propias. Sabemos que hoxe en día hai moitos motivos para saír á rúa e
tamén que un deles é o do galego, destaca por exemplo a moita xente que
fala en español normalmente pero se suma á causa e saíu á rúa coa
Plataforma Queremos Galego porque queren avances para a nosa lingua.
Chega á presidencia da Mesa cando se cumpren cinco anos da aterraxe de Feijóo en San Caetano.
Pois non foi intencionado, iso seguro.
Respecto ao goberno galego, a posición que nos gustaría ter sería a de
acompañante crítico, pero as súas políticas van xusto polo lado
contrario do que considerariamos mínimo para a lingua e non hai trazas
de que vaia mudar esas posicións, que en moitos aspectos teñen ao galego
na mesma situación que a finais do franquismo, por exemplo no ensino.
Agora está prohibido dar certas materias en galego, como en 1977. Eu
levo anos traballando co Correlingua, este ano animamos á mocidade a que
dea un paso adiante respecto á lingua e atopámonos cunha moi boa
recepción, pero á vez os máis novos indícannos que o contexto é
complicado porque o Goberno camiña noutra dirección.
Substituirá no cargo a Carlos Callón.
Carlos xa era un referente antes de ser
presidente da Mesa, todo o mundo lémbrao co posto de cartóns en calquera
parte, buscando novos asociados. É un exemplo a todos os niveis e foi
quen conseguiu o grande número de socios que ten a Mesa e que tanta
xente se sumase á loita pola lingua. Todo o que podo dicir del son
eloxios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario