martes, 29 de abril de 2014

Estatuto do Profesorado: Manobra electoral do MEC

O Ministerio presenta a parte referida á “Selección dos funcionarios de carreira docentes” incumprindo o seu compromiso de presentar un proxecto completo de Estatuto do Profesorado para dar imaxe de negociación ante as próximas eleccións europeas.

O MEC comprometeuse en novembro de 2013 a presentar un proxecto de Estatuto Docente partindo do proxecto elaborado en 2007, e presentalo na Mesa Sectorial en xaneiro de 2014, e agora, catro meses despois da data comprometida, preséntanos tan só unha parte moi concreta, a do acceso á función pública docente.
Sobre a proposta presentada, que caso de ser imposta polo MEC aplicaríase nas oposicións do verán de 2015, e como valoración inicial, cabe destacar que mantén o sistema de concurso oposición, esixe superar a fase de oposición para que sexan valorados os méritos, así mesmo á hora de determinar o peso que nela terán as fases de oposición e concurso, darase relevancia á puntuación que se obteña na fase de oposición.

En ningún caso, a puntuación pola valoración dos méritos, determinará por si mesma o resultado do proceso selectivo e será únicamente aplicable a quen supere a fase de oposición. Isto supón desprezar o traballo do profesorado interino.
Este sistema selectivo prevé que a fase de oposición deberá permitir que se acredite por parte de todas as persoas aspirantes unha suficiente competencia dixital, apropiada para a práctica docente.

Na fase de oposición o persoal aspirante, salvo nas especialidades de idiomas "modernos" nos Corpos de Mestres, de Profesores de Ensino Secundario, e de Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas, deberá realizar unha proba de idioma estranxeiro na que se acredite un adecuado nivel de dominio das destrezas orais e escritas no idioma correspondente.

No caso de que o ingreso sexa aos corpos de profesores técnicos de formación profesional e ao de mestres de taller, poderá esixirse, ademais, unha experiencia profesional nun campo laboral relacionado coa materia ou área das especialidades ás que se aspire.

É precisa a defensa dun sistema de acceso diferenciado no que se oferten prazas para o profesorado de novo acceso e prazas para o profesorado interino, para valorar debidamente a experiencia do profesorado interino, colectivo que non puido ingresar na función docente por unha oferta pública insuficiente, e que demostrou en numerosas ocasións a súa capacidade.

Rexeitar que nunhas oposicións á administración se esíxan competencias e coñecementos que non se impartiron nos estudos cursados para a obtención do título que capacita para presentarse a devanditas oposicións. E ao mesmo tempo reivindicar que as administracións educativas deben formar en horario lectivo ao profesorado para aquelas novas tarefas que pretendan que desempeñe, como son a competencias dixitais e o coñecemento de idiomas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario