luns, 21 de abril de 2014

Galicia perdeu 118.000 mozos de 15 a 34 anos dende o 2008

A emigración de máis de 16.000 persoas cada ano súmase ao desastre demográfico.

O martelo da crise golpea onde máis doe e está a baleirar Galicia do que debería ser o motor da súa economía: a xente nova. A comunidade vai perdendo impulso vital ano tras ano e desángrase ao dicir adeus decenas de miles de persoas de 15 a 34 anos cuxa perda deforma de xeito irreparable a pirámide de poboación.
ADVERTISEMENT
Dúas simples fotografías do Padrón Municipal de Habitantes, unha tomada no 2008 e outra no 2013, serven para constatar unha dolorosa realidade: entre unha data e outra hai 118.622 mozos menos (-16,57%).
O derrubamento da poboación de 15 a 34 é maior cada ano. No 2008 saíron do padrón 14.085 persoas, pero é que no 2013 foron 29.164; máis do dobre. E a que obedece esta desfeita? Fundamentalmente ao descenso da natalidade. Cada ano entran menos mozos na estatística porque cada vez son máis escasos. Así de sinxelo.
Vexamos un exemplo: se comparamos as 20.733 persoas que no 2011 tiñan 14 anos (incorporaríanse no 2012 ao grupo de idade considerado, con 15 anos) coas 46.988 de 34 anos do 2011 (abandonarían o grupo de idade no 2012, xa con 35), estamos a falar dun déficit de 26.255 persoas, achacable á caída da natalidade que sofre Galicia dende os oitenta.
As consecuencias ponas sobre a mesa Carlos Ferrás, profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago: «Isto acelera o envellecemento e hipoteca o futuro e a viabilidade do sistema público de pensións. Se perdemos máis efectivos en idade de traballar, quen van cotizar á Facenda pública para pagar o custo dos nosos servizos de saúde ou educación?».

A emigración, a puntilla

Pero hai outro elemento que contribúe á sangría: a emigración da xuventude, cun regueiro constante de máis de 16.000 cidadáns anuais, de maneira que a incidencia porcentual é maior cada ano respecto a unha base de poboación que mingua día a día. Dende o 2008 emigraron de Galicia uns cen mil mozos, cifra que se compensa ás veces por unha inmigración sostida. Pero a realidade é que Galicia di adeus cada ano a máis de 16.000 persoas, case sempre por falta de oportunidades, e que, se fose capaz de retelas, atenuaría polo menos o problema demográfico.
Máis alá das obvias consecuencias económicas e laborais de todo isto, hai unha segunda lectura do que supón a perda de 118.622 mozos en seis anos e da emigración sen freo dos galegos. Este puxante capital está, na maioría dos casos, en idade de procrear. A pirámide non recuperará a súa forma se non se corta a hemorraxia de inmediato.
A emigración constante pon en evidencia, segundo Carlos Ferrás, a «incapacidade do mercado de traballo e da sociedade galega para reter o seu capital humano», pois «non» conseguimos crear as condicións propicias para que os nosos mozos poidan desenvolverse persoal e profesionalmente». Os obstáculos son «moitos» e «os nosos fillos foron formados nun sistema educativo escasamente conectado co produtivo».
Isto entronca co ámbito social, que en Galicia é «hostil aos valores innovadores, á creatividade e á capacidade de asumir riscos e desafíos dos nosos mozos. Parece que as políticas públicas de desenvolvemento económico só conciben a innovación pechada e elitista en favor de determinadas empresas multinacionais. Pero non esquezamos que eses mozos si son capaces de emprender, innovar e asumir riscos cando marchan de Galicia. Por que non o fan aquí?», pregúntase Crespo.
O diagnóstico é sinxelo: «Unha Galicia fortemente envellecida e que centrifuga os seus mozos cara ao exterior non ten futuro vital». Y cal é a solución? Para Ferrás, a comunidade necesita «cambiar o modelo produtivo» e formular «un plan estratéxico de verdade que avalíe os problemas e defina claramente cal é o desafío para o futuro». «Debemos asumir -prosegue- que Galicia require políticas moito máis avanzadas e complexas para evitar a fractura social entre aqueles que viven ben e traballan, e os nosos mozos, que non viven tan ben e non traballan».
Galicia ten que ser un lugar atractivo para vivir, capaz de reter aos seus efectivos demográficos, capaz de facilitar o desenvolvemento persoal e profesional dos seus mozos. Para iso é preciso superar as políticas de «arriba cara a abaixo» devolvéndolle o poder á xente; só coa identificación cun proxecto común que a xente perciba como propio pódense superar os problemas. Hai que superar as políticas paternalistas e potenciar a organización da sociedade civil. Na Galicia rural tradicional hai grandes exemplos de xestión comunitaria que deben recuperarse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario