mércores, 16 de abril de 2014

O BOE publica a admisión a trámite dos seis recursos presentados ante o TC contra a LOMCE

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este martes a admisión a trámite aprobada polo Pleno do Tribunal Constitucional (TC) o pasado 8 de abril, dos seis recursos presentados ante o Alto Tribunal contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).
Trátase dos recursos presentados polo Grupo Parlamentario Socialista no Congreso, o Goberno e o Parlamento de Cataluña e os Gobernos de Andalucía, Asturias e Canarias.
Ao coñecer a noticia a semana pasada, o ministro de Educación e Cultura e máximo responsable da nova normativa educativa, José Ignacio Wert, quixo restar transcendencia á admisión a trámite polo Tribunal Constitucional dos seis recursos presentados. "É un trámite absolutamente automático", sinalou nos corredores do Congreso, negándose a facer máis valoracións sobre a decisión do TC.
Así, cada recurso presentado ten as súas particularidades e as comunidades autónomas centran gran parte do argumentario en invasións competenciais e coinciden na impugnación de determinados artigos da lei: os reguladores do ensino de Relixión, a educación diferenciada e o adianto dos itinerarios formativos na ESO. O prazo de presentación pechouse o pasado 10 de marzo.

PARTICULARIDADES

Dende o PSOE, que formalizou o seu recurso o pasado 7 de marzo, o argumentario xira en torno a cinco puntos: o financiamento público da educación diferenciada, o adianto dos itinerarios formativos, a falta de participación nos consellos escolares dos pais, o tratamento que dá á Relixión e a selección do alumnado por centros.
No caso de Andalucía, cuxo Executivo rexistrou o recurso o 4 de marzo, a impugnación céntrase en cuestións "recentralizadoras" da nova lei que invaden, ao seu xuízo, competencias autonómicas, como as avaliacións finais de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, o deseño das probas e o establecemento do seu contido para cada convocatoria. Tamén recorren sobre a regulación da educación diferenciada e do ensino de Relixión.
Asturias e Canarias coinciden nos seus recursos con gran parte deste argumentario, como en materia de Relixión, educación diferenciada e itinerarios. O Goberno das illas denuncia que a LOMCE invade competencias nas avaliacións, a normativa sobre TIC, a admisión de alumnos nas ensinanzas universitarias de Grado; a xestión de bolsas e axudas ao estudo, e o deseño do curriculo escolar en Primaria, Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.
O Parlament de Cataluña, pola súa banda, acordou por maioría recorrer a normativa o pasado 26 de decembro. A particularidade, ao igual que no recurso formulado pola Generalitat catalá, é a incidencia do seu argumentario na regulación da inmersión lingüística, xunto a outras invasións do que consideran competencias autonómicas, como no deseño dos currículos ou o financiamento.
"A admisión a trámite non supón pronunciamento ningún sobre o fondo dos recursos, que o Tribunal resolverá en próximas datas", informou o pasado xoves o Constitucional.
Desta forma, o Tribunal acorda dar traslado de cada unha das demandas ao Congreso dos Deputados, ao Senado e ao Goberno, que dispoñen de quince días para comparecer nos distintos procedementos e formular as correspondentes alegacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario