xoves, 24 de abril de 2014

Os editores cren que se a Xunta non "reconduce" o seu plan de dixitalización escolar o sector estará "ferido de morte"

O 40% da facturación provén de libro educativo.

Alertan dunha baixada do 30% na facturación e a perda do 40% de emprego directo en 5 anos, aínda que cren que o sector "ten futuro".

Os editores critican duramente que a Administración galega se propuxese que o sistema educativo da Comunidade sexa o "o primeiro do mundo no que non se empregan soportes imprimidos" e alertaron de que, se a Xunta non "reconduce" se plan de dixitalización escolar, o sector editorial galego estará "ferido de morte".
Así o explicou o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, que participou na inauguración do foro 'Reimprímete, no que os diferentes colectivos do sector do libro se reuniron para defender a pervivencia do papel.
Neste sentido, Bragado recordou que o 40 por cento da facturación do sector editorial provén directamente do libro escolar e criticou que precisamente dende este ámbito se estean a desenvolver "as políticas máis agresivas contra o libro imprimido" a través da intención da Xunta de substituír o material en papel por soporte electrónico, algo que Bragado cualificou de "delirante" e "irresponsable".
"Se non se reconducen estas políticas de dixitalización educativa, o sector editorial en Galicia estará ferido de morte", augurou Manuel Bragado, que se comprometeu a "dar a batalla" contra estas medidas.

UN "TSUNAMI"

Para Manuel Bragado, o sector editorial no seu conxunto en Galicia está "a vivir un tsunami" a causa da crise, coa que a súa facturación se viu reducida en máis de 30 por cen e o volume de edición baixou nos últimos anos ata un 40 por cento.
Non obstante, para o presidente da AGE, o punto máis negativo neste ámbito viviuse no campo do emprego, dado que o sector editorial perdeu nos últimos cinco anos o 40 por cento do emprego directo. Os fondos públicos para o sector, lamentou, baixaron así mesmo un 70 por cento.
Esta "tormenta perfecta", apuntou, vese "agravada" cun proceso de "hibridación" entre o libro electrónico e o papel que crea "incerteza" e "fraxilidade", aínda a pesar de que os libros electrónicos son "unha actividade marxinal" neste ámbito.
Así, fronte a poderes públicos que fomentan o uso do libro electrónico, Bragado apostou por "visibilizar" o libro en papel para que "recupere o seu protagonismo e o seu espazo social", dado que, na súa opinión, "ten futuro". "Dentro deste proceso de hibridación, asistiremos primeiro á desaparición dos e-books que á desaparición do libro como o coñecemos", sentenciou.
Para iso, o presidente dos editores galegos destacou que as Administracións teñen "unha gran responsabilidade" e o deber "ineludible" de fomentar a lectura, polo que viu "indispensable recuperar" o seu "apoio" neste sentido.

FORO REIMPRÍMECHE

Manuel Bragado participou este mércores en Santiago, coincidindo co Día do Libro, na constitución do Foro reimprimete, unha entidade que agrupa 18 organizacións profesionais relacionadas con toda a cadea de produción, distribución, venda e promoción do libro que traballarán para reivindicar o soporte en papel e a pervivencia deste elemento.
No discurso de apertura, lido pola escritora Rosa Aneiros, o foro instou os profesionais do sector a non claudicar" ante o "avance das novas tecnoloxías" e a "reivindicar o papel como elemento fundamental".
En palabras de Aneiros, este "amplo" sector industrial de Galicia "corre perigo" na situación actual, polo que reclamou "recursos e políticas públicas" que garantan a súa "supervivencia" e a reconsideración da dixitalización escolar.
O presidente do Cluster do Produto Gráfico, Jacobo Bermejo, indicou que, a pesar do avance das novas tecnoloxías no sector, o libro dixital "terá que convivir co papel", que vai ter continuidade".
Neste sentido, criticou a "presión" que exercen empresas multinacionais para a venda de dispositivos electrónicos de lectura e os efectos da crise sobre o sector, afectado por "as políticas de austeridade", a "eliminación de publicacións" e o traspaso dos custos ao cidadán.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario