En Europa, case 27 millóns de nenos estaban en risco de pobreza en 2012 e, segundo a ONG, este fenómeno está "estreitamente relacionado" cun apoio económico insuficiente do sistema de benestar xunto coas "pobres condicións laborais dos pais".
A investigación mostra que a efectividade das intervencións estatais redistributivas -tanto en termos de nivel de gasto como en transferencias sociais deseñadas especificamente para beneficiar á infancia- representa "un factor importante" que inflúe na pobreza infantil en todo o continente xunto co emprego.
Os Estados con menos nenos en situación de pobreza (países nórdicos, Austria, Eslovenia e Holanda) son os que teñen un gasto especificamente deseñado "para abordar as causas profundas da pobreza infantil".
A ONG indica que as políticas estatais en países como Grecia, Italia, España, Polonia, Romanía, Bulgaria e Portugal teñen "un baixo impacto" na redución do risco de pobreza de entre o 3 e o 8 por cento antes e logo de recibir as axudas sociais.
En concreto, en España antes das prestacións sociais a porcentaxe de nenos que vive baixo o limiar da pobreza é dun 36,8 por cento e logo de recibir as prestacións sociais, un 29,9 por cento.
Así, Save the Children insiste en que as axudas sociais só reduciron a pobreza da infancia nun 6,9 por cento, unha cifra que sitúa a España a cola, só superada por Grecia cun 2,9 por cento.
Tras España, sitúase Italia (7,1 por cento), Polonia (7,4 por cento), Romanía (7,6) e Portugal (7,9) mentres que por exemplo, Irlanda, un país que sufriu unha situación similar á de España, segundo a ONG, conseguiu diminuír o risco de pobreza coas axudas sociais nun 32 por cento, seguida de Reino Unido (26,1 por cento) e Luxemburgo (23,2).
Neste sentido, recorda que España co 29,9 por cento da infancia vivindo baixo o limiar da pobreza relativa -a que fai referencia aos ingresos nos fogares-, só é superado por Romanía.
A taxa de nenos en risco de pobreza e exclusión social é aínda maior, un 33,8 por cento (máis de 2,8 millóns), como xa constatou a organización nun anterior estudo.
O director xeral da ONG, Andrés Conde, considerou que a situación en España é "inaceptable" e que a pobreza dos nenos é un "problema de Estado"; "a situación é de urxencia e reclamamos medidas de urxencia", sinalou na presentación do documento.
A porcentaxe de menores que vive en fogares que gastan máis do 40 por cento dos ingresos dispoñibles en custos da casa é dun 20,5 por cento en España, mentres que a media da UE é dun 11 por cento.
Ademais, en España os nenos teñen un 7 por cento máis de probabilidades de ser pobres que os adultos, unha das cifras máis altas dos países europeos, superada por Luxemburgo, Reino Unido, Malta, Hungría e Romanía.
No informe, a ONG asegura que a probabilidade de que un neno estea en risco de pobreza ou exclusión está tamén determinada polo país de nacemento dos pais.
Sobre este aspecto, resalta que España é o Estado de Europa no que a diferenza en risco de pobreza entre nenos con pais nacidos nun país estranxeiro e aqueles cuxos proxenitores naceron no vello continente é maior (un 26 por cento).
En canto ao abandono escolar temperán, fai fincapé en que España o lidera cun 24,9 por cento, seguido de Malta (22,6 por cento) e Portugal (20,8 por cento).
A ONG, entre outras cousas, pide ao Executivo ampliar cuantitativamente a prestación ás familias con fillos a cargo, que esta sexa compatible con outras axudas e que se ingrese cada mes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario