Os cidadáns só poden utilizar o galego ao dirixirse á Administración do Estado se o órgano ao que vai dirixida a súa comunicación ten a súa sede en Galicia. No resto dos casos, non terán "dereito" a exixirlle a organismo ningún estatal que lle responda na lingua propia ou mesmo que teña en conta esa comunicación. Así o aclara o Goberno central nunha resposta ao BNG que agora se fixo pública con todo detalle no Boletín Oficial das Cortes Xerais.
A Administración central xustifica a denegación dunha solicitude de bolsa por adxuntar un certificado en galego
As deputadas nacionalistas Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez presentaran unha pregunta ao Executivo sobre a denegación de bolsas predoutorais por parte do Ministerio de Economía "por cuestións lingüísticas". No pasado mes de decembro, A Mesa pola Normalización Lingüística denunciara que o Estado denegara unha axuda predoutoral a unha estudante da Universidade de Santiago de Compostela (USC) por un "defecto": adxuntar un certificado de estudos en galego na súa solicitude. Non foi o único caso, segundo aclaraba a entidade en defensa do galego, que alertaba que cando menos doce estudantes máis de Galicia foran vetados nunha convocatoria semellante polo mesmo motivo.
Ante esa situación, o Secretario de Estado de Relacións coas Cortes respóndelle ao BNG que "os órganos competentes" no proceso de concesión desas bolsas "non teñen a súa sede na comunidade autónoma de Galicia, polo que o idioma instrumental nese procedemento é o castelán". Ademais, lémbralle dúas sentenzas do Tribunal Constitucional -unha de 1986 e outra de 2003- nas que se aclara que cando un cidadán de comunidades bilingües "queira relacionarase xuridicamente cunha Administración externa a devanditas comunidades, entre elas as do Estado, non ten dereito a exixir que a Administración se comunique con el na lingua cooficial" nin tampouco a "utilizar a lingua cooficial nas súas relacións coa Administración externa" a esta autonomía".
O Goberno aclara que hai razóns xurídicas que "amparan o rexeitamento dunha solicitude escrita en galego"
Segundo o Goberno, estas son as razóns que "amparan o rexeitamento dunha solicitude cuxos documentos están escritos en galego", o que "non supón en caso ningún unha discriminación lingüísticca, dado que o procedemento administrativo ten a súa sede fóra de Galicia". Do mesmo xeito, advirte de que os solicitantes afectados "foron debidamente requiridos para subsanar as súas solicitudes e tiveron un prazo para rectificar as faltas atopadas". "Non poden aplicarse regras diferentes segundo os solicitantes", engade.
Xa por último, o Executivo advirte na súa resposta de que as distintas linguas do Estado "son patrimonio do país, polo que non se pretende, nin moito menos, enfrontarse ao seu uso nin marxinalas ou darlles un trato discriminatorio". "Non obstante, polas razóns estritamente legais, este procedemento de concesión en absoluto discriminaroio, debe cumprir todas as normas que lle afectan", conclúe.
A Consellería de Educación, en resposta a unha pregunta do PSdeG, avogaba por que as universidades emitan os seus documentos tamén en castelán para que así o Goberno central non os considere un erro. Esa foi a solución adoptada pola Xunta para evitar máis problemas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario