Carlos Callón: "Valentín García non só está a exercer de verdugo do galego por un prato de lentellas, senón que tamén é cruel e mesquiño na súa decisión de quitarlle o traballo a 476 docentes"
A entidade xa solicitou en máis ocasións "unha remuda a fondo da Política Lingüística deste Goberno galego que non exerce de galego"
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014.- A 
Mesa pola Normalización Lingüística adhírese “ao cento por cento” á 
petición de dimisión ou cesamento de Valentín García como secretario 
xeral de Política Lingüística que realizou a Asemblea de Profesorado 
Celga, de aprendizaxe do idioma galego para adultos. Todos os docentes 
que conformaban esa Asemblea foron despedidos como represalia por 
solicitaren os seus dereitos laborais.
O presidente en funcións da Mesa, Carlos Callón, 
considera que García “non só está a exercer de verdugo coas súas 
políticas de desprotección da lingua de Galiza, e todo a cambio dun 
prato de lentellas, senón que tamén é insensíbel e mesquiño a nivel 
humano”, uns elementos que o converten “nun pésimo gobernante”. “Deixar 
sen traballo 476 persoas porque solicitaron que se lles recoñecesen os 
dereitos laborais que deberían ter por Lei non parece propio de ningunha
 Administración nin debería ser un comportamento admisíbel en sociedade 
no século XXI”, sinala o portavoz da maior asociación cultural de 
Galiza.
A vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, apunta 
tamén que “non pode haber política de revitalización e recuperación 
dunha lingua se nin tan sequera se garante que haxa cursos de 
aprendizaxe dese idioma para quen así o solicitar”, como está a 
acontecer cos Celga. “Hai xente que quere aprender galego e á que a 
Xunta non lle dá esa oportunidade”, polo que conclúe que “este modelo de
 precarización laboral entra no modelo xeral de Feijóo de desprestixiar o
 noso idioma e de impedir o seu adianto social”.
O tamén membro da dirección da Mesa, Marcos 
Maceira, ademais de valorar a “crueldade laboral” de Valentín García, 
recordou que “está no cargo porque ninguén máis quería ocupar o posto de
 verdugo do galego, que el exerce con tanta frialdade”. Maceira sinalou 
tamén que “non é a primeira vez que A Mesa reclama unha remuda a fondo, 
de 180 graos, na política lingüística deste Goberno galego que non 
exerce de galego”.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario