A asociación en defensa do galego celebrou a súa asemblea na Coruña, un acto marcado pola renovación na Permanente e o adeus de Carlos Callón após doce anos como máximo responsábel. Tanto el como Iria Taibo recibiron unha homenaxe en forma de agasallos e a proxección dun vídeo de recordo, no que foi o momento máis emotivo da xornada.
O centro Ágora da
Coruña acolleu este sábado a asemblea da Mesa pola Normalización
Lingüística, nunha cita que resultou histórica para a asociación en
defensa da lingua ao supoñer o relevo de Carlos Callón logo de doce anos
como presidente. O seu posto ocúpao agora Marcos Maceira, que recibiu o
apoio unánime das arredor de 150 persoas que acudiron á cita. Dese
xeito se aprobaron tamén o informe de xestión e o económico.
Durante a asemblea, tanto Carlos Callón
como Marcos Maceira convidaron ás persoas presentes e a tod@s @s galegos
a participar nas oito mobilizacións convocadas pola plataforma Queremos
Galego para o Día das Letras do próximo 17 de maio. Xa como presidente,
Maceira pronunciou un discurso no que asegurou que “non hai
desenvolvemento social, económico ou humano se non se defenden as
linguas propias”. Así mesmo, chamou a “xuntar enerxías” con este
obxectivo e criticou ao titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez
Feijóo: “Un presidente que non apoia o galego non apoia ao seu pobo”.
A nova dirección da Mesa está encabezada
por Marcos Maceira, licenciado en Historia e xestor cultural, con Mónica
Pazos e Carlos Outeiro como vicepresidentes, Susana Méndez como
secretaria xeral e Paulo Filgueiras, Elsa Quintas e Manuel Rei como
vogais.
O momento máis emotivo da asemblea tivo
lugar cando se lles entregaron uns agasallos tanto a Carlos Callón como a
Iria Taibo, que tamén deixa a Permanente, así como durante a proxección
dun vídeo que recordou o seu traballo na Mesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario