mércores, 9 de abril de 2014

Os institutos galegos intensifican aproximación ao portugués

Alumnos de Cee practican o seu portugués en Coimbra. É o segundo ano que viaxan ao país veciño no marco dun programa educativo.

Por segundo ano consecutivo, os alunos do IES Fernando Blanco de Cee visitan Portugal. Unha ocasión inmellorable para aprender os vínculos que nos unen co país curmán, e que serven para dar conta do aprendido nas clases de lingua portuguesa que imparte o mestre Serxio Iglesias e ás que se apuntan voluntariamente.
 
Este curso non faltou a excursión, e un grupo de 35 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, acompañados polos profesores Serxio Iglesias e Manuel Canosa realizaron unha viaxe de estudos a Coimbra. Estes estudantes asisten a clases de lingua portuguesa que se imparten no IES Fernando Blanco no marco das actuacións desenvolvidas no Contrato-Programa para o logro da excelencia académica, asinado polo IES Fernando Blanco coa Consellería de cultura co obxectivo de intensificar a aprendizaxe do portugués.
 
O obxecto desta viaxe era ofrecer a oportunidade de que os estudantes practicasen os coñecementos de lingua portuguesa adquiridos durante o curso e que tivesen un contacto directo con estudantes portugueses da súa idade, ademais de visitar algúns lugares de interese en Coimbra e outras localidades próximas.
 
Durante os días que durou a viaxe estiveron hospedados na Pousada da Juventude en Coimbra, desde onde visitaron a Universidade, a Biblioteca Joanina e realizaron unha visita de intercambio á Escola de Secundária Dona Infanta Cristina, todas elas na cidade de Coimbra. Tamén tiveron a oportunidade de facer excursións ás ruínas e ao museo de Conimbriga, á cidade de Aveiro, e á localidade turística de Costa Nova do Prado, ao parque temático do Portugal dos Pequenitos e á cidade de Porto cunha ruta en barco polo río Douro.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario