Máis de 4.000 alumnos de 120 colexios usarán un caderno sobre o club lucense editado por Santillana para aprender xeografía de xeito atractivo. Miguel García, ex-xogador que traballa para a editorial, o artífice.
Catro mil rapaces de 10 e 11 anos, de 120 colexios lucenses, aprenderán xeografía co Club Deportivo Lugo. E de paso, o equipo lucense xogará a Champions e o Mundial. Unha iniciativa pioneira: a primeira deste tipo entre a editorial Santillana e un club de fútbol. Co título de O Lugo fai escola, trátase dun caderno de actividades para nenos de quinto e sexto de Primaria.O proxecto foi ideado por Miguel García, ex-capitán e ex-técnico do Lugo e empregado de Santillana, que llo propuxo en setembro ao club, que aceptou sen pensalo. A idea, nas verbas de Miguel García, é facilitar a aprendizaxe da “xeografía de España, de Europa e do mundo” de xeito ameno aos rapaces. A través do Club Deportivo Lugo, os escolares viaxarán por toda España na Liga Adelante, e usarán a imaxinación para argallar unha Champions e un Mundial onde xoguen o equipo lucense. “Por primeira vez na súa historia, o Lugo vai xogar na Champions. Propónselles aos profesores e alumnos que fagan a súa propia Liga de Campións. E o Mundial de Brasil, que tamén o xogará o Lugo”, salientou Miguel García.
Iago Díaz, xogador do primeiro equipo, estivo presente na presentación por ser un dos protagonistas do caderno. O representante de Santillana calificouno como “o presente e o futuro" do club: "Iago é un xogador da casa, de club, que sabe o que é xogar no Polvorín, na Cheda, prácticamente en todos os campos da provincia". Tanto Miguel García como Carlos Mouriz, director xeral do Lugo, salientaron a intención de “xenerar ilusión por xogar no Lugo”. A Mouriz gustaríalle que sirvese de paso para sumar seareiros en toda a provincia para o equipo. Iago Díaz amosouse encantado de poder servir de exemplo para os rapaces lugueses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario