luns, 7 de abril de 2014

"A Xunta leva anos querendo desfacerse do Celga, é un ataque contra a lingua"

Docentes dos cursos de formación para adult@s en lingua galega advirten que o conflito que manteñen coa Xunta de Galiza non é só laboral. Afirman que a postura da Administración galega constitúe "unha agresión contra a lingua" e unha "revancha" contra eles por defenderen os seus dereitos. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tentou en sesión parlamentar --inquirido polo BNG-- reducir o conflito co profesorado do Celga a un "problema laboral", o que contrasta coa visión que teñen @s profesionais da formación para adultos en lingua galega, para quen a actitude da Xunta de Galiza reflicte "absolutamente" unha agresión contra a lingua. A intención da Xunta, advirten, "é prescindir da formación en lingua galega dentro do posíbel" pois, "a oferta que hai actualmente é ridícula".
"Este foi o último punto, mais desde a Secretaría Xeral levan anos querendo desfacerse da formación para adultos en lingua galega", salientan desde o colectivo de docentes. Á redución do número de cursos e recursos que vén padecendo o Celga desde hai anos súmase agora o despedimento dunha boa parte do profesorado especialista que os impartía. Un litixio que podería custar caro á Consellaría de Educación após resolvérense as denuncias presentadas pola CIG-Ensino nas provincias de Lugo e Ourense.
Un conflito "caro" para a Xunta
Á espera de que a Inspección de Traballo adopte unha posición en relación ao persoal destas dúas demarcacións e de se pronunciar tamén en relación aos cursos de linguaxe específica e tribunais de avaliación, a suma que deberá abonar a Consellaría ascende a 200.000 euros de sanción por manter de maneira irregular o profesorado durante anos. "Durante os últimos anos estabamos sen Seguridade Social e non nos daban de alta. Simplemente tiñamos obriga de facer declaración da renda mais ningún tipo de dereito", explican @s docentes.
"Durante os últimos anos estabamos sen Seguridade Social e non nos daban de alta"
Porén, a inspección foi taxativa na súa resolución e non só recoñeceu a existencia dunha relación contractual entre a administración e o profesorado do Celga, senón que obrigou a dar de alta @s traballador@s, algunhas delas con até 20 anos de antigüidade. Mais, en troca de dar de alta @s empregad@s, O goberno galego botoun@s á rúa.
A "revancha" de Valentín García
"A Xunta as veces que nos reunimos, a título individual ou através dos sindicatos, non quixo recoñecer a nosa relación laboral. Dicía que eramos profesorado colaborador. En ningún momento tivo intención de negociar ou falar con nós. E, aliás, recorreu a resolución da inspección de Traballo, renegando de nós como traballadoras, malia que o informe di que somos persoal traballador da Consellaría de Educación e, no concreto, da Secretaría Xeral de Política Lingüística", subliñan.
E como pano de fundo, a actitude do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. "Dixo expresamente nunha xuntanza que mantivo con Anxo Louzao [secretario xeral da CIG-Ensino] e un representante do profesorado que isto era unha revancha. Que nos tiña avisado. E que ía evitar que nós traballasemos pois teñen como obxectivo eliminar o noso colectivo", denuncian.
"Nunha xuntanza Valentín García dixo expresamente que isto era unha revancha"
Esquirois
A actitude da Xunta e do propio Valentín García é para @s docentes do Celga "represiva" e, aliás, "caciquil". Neste senso, lembran que sen faceren públicas as listaxes de docentes que impartirían os cursos "ofertáronlle o noso traballo a persoal con praza asignada e uns ingresos". Persoal, apuntan, que estaba chamado a non aceptar a oferta en solidariedade co colectivo de docentes despedido. Porén, malia o éxito da campaña desenvolvida pola CIG-Ensino nos centros de traballo e coa que conseguiron que a maior parte d@s profesor@s de Lingua e Literatura galega rexeitasen a proposta da Xunta, houbo quen decidiu impartir as aulas.
"Iso ten unha palabra que é esquirol", enfatizan ao tempo que denuncian a falta de formación na materia por parte dalgunhas desas persoas. "Hai profesorado que aceptou impartir os cursos que nen sequera coñece os métodos de avaliación e dificilmente poden preparar ao alumnado en 2 meses para adquiriren as competencias necesarias. O alumnado fica nunha indefensión total". Cuestión que tamén lles preocupa.
Aliás, desde o colectivo de docentes do Celga salientan que a situación actual deixou "a moitos de nós" non só "sen emprego" senón tamén "sen ningún ingreso".

Ningún comentario:

Publicar un comentario