Unha ducia de alumnos chegan a participar no primeiro programa municipal extraescolar, que se clausura mañá no colexio
Un programa de cooperación da Xunta permitiu ao
Concello de Dozón poñer en marcha o seu primeiro programa municipal de
apoio extraescolar. Ata unha ducia de alumnos chegou a participar neste
seminario de técnicas de estudo, impartido dende novembro pola pedagoga
María Jesús Vázquez e que finaliza mañá.
A iniciativa partiu da pedagoga e psicopedagoga María Jesús Vázquez,
contratada mediante unha bolsa autonómica durante seis meses, dende o
pasado novembro. A súa proposta foi aceptada polo Concello de Dozón e
consistiu nun seminario de técnicas de estudo impartido os luns e
mércores, de 16 a 17.30 horas o primeiro día e ata as 19 o segundo. Mañá
será a última sesión do programa, que é gratuíto e remata con oito
alumnos inscritos, dos 35 matriculados este curso no CEIP Pío Cabanillas
Gallas.Dende o Concello informouse os profesores e os pais, a través do Anpa, antes do inicio da actividade, que nas súas primeiras sesións chegou a congregar unha ducia de alumnos. María Jesús Vázquez dividiu as clases en dous niveis: Iniciación, para nenos de 6 a 9 anos, e avanzado, para os de 10 a 14. "Os contidos non se traballan da mesma forma con nenos de 6 anos que cos de 10 ou 12", comenta esta moza profesional de Dozón. Aínda que, ao final, pola redución do número de alumnos, chegou a unificar os dous grupos.
Os contidos do seminario estiveron centrados na organización do tempo e do lugar de estudo, a lectura comprensiva e a velocidade lectora, atención, memoria, relaxación, subliñado, esquema, resumo e como actuar ante un exame (antes, durante e despois). "En xeral, aumentaron o esforzo, porque hoxe en día os nenos están afeitos a que se lle dén todo feito -explica Vázquez-. Vexo que agora traballan máis", que "adquiriron o hábito de estudar, que era o meu principal obxectivo,".
Mañana será a última sesión deste proxecto, pioneiro en Dozón. E luns e martes da próxima semana haberá actividades lúdicas de 10.00 a 14.00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario