luns, 14 de abril de 2014

O .gal xa non é un soño

"O dominio é voso". Tras sete anos de traballo a Asociación puntoGAL vén de recibir a delegación do dominio en internet para a lingua e a cultura galegas por parte da ICANN, o organismo internacional que xestiona os dominios en todo o mundo. Este paso significa que xa está en funcionamento a raíz do DNS, o sistema que permite o funcionamento das direccións de Internet. Por iso dende a pasada noite xa existe un enderezo co dominio galego, Nic.gal, unha páxina de probas que é o sinal definitivo de que o .gal xa é unha realidade.
A ICANN xa delegou o dominio na Asociación puntoGAL
A asociación promotora do dominio galego non oculta a súa satisfacción por chegar á meta dun proceso que estivo apoiado por unhas doce mil persoas e máis dun cento de entidades. A entidade galega ten xa o control definitivo sobre o .gal e agora toca publicar os documentos coas normas para o rexistro de enderezos, unhas regras elaboradas por "unha comisión multidisciplinar" e que, en verbas de Manuel González, presidente da asociación, van rexer un proceso "que estamos empeñados en que sexa o máis simple, público e transparente posible".

Fases para o lanzamento

Un acto público para oficializar a consecución do obxectivo será o punto de partida das dúas fases de lanzamento do dominio: Abrente (sunrise) e, Carreira (landrush). No primeiro período as administracións públicas e organismos vinculados a estas "terán prioridade para rexistrar os seus dominios" .gal. A continuación será a quenda das "entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galega", das marcas rexistradas, dos "nomes ou intereses protexidos" e das páxinas escritas en galego ou con versión no idioma propio de Galicia. O período de Carreira, explican, "facilitará o acceso ao rexistro a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos".
Antes do lanzamento a asociación promove o Programa Pioneiros, cunha "serie limitada de dominios para entidades de relevancia lingüística, cultural e social"
A Asociación puntoGAL explica que xusto antes do lanzamento ten intención de promover o denominador Programa Pioneiros, co que "busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel, facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social. Todo isto, lembran, foi posible en boa medida grazas ao "apoio recibido por toda a sociedade galega, incluíndo a comunidade no exterior, ás principais entidades culturais, ás empresas e ás asociacións de base" e á propia axencia tecnolóxica da Xunta. Xa non é un soño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario