O auxe dos drones leva a Xunta, INTA e Aeronáuticas Lucenses a por en marcha o ciclo no CEIFP As Mercedes.
O próximo curso escolar, o instituto de Formación Profesional As Mercedes, incorporará un novo ciclo superior de mantemento aeromecánico. Será o primeiro desta especialidade que se impartirá na comunidade galega e nacerá ó amparo das actividades que se desenvolverán no aeródromo de Rozas. O ciclo, que contará con 13 módulos, está deseñado para realizar actividades de reparación tanto de avións tripulados coma de drones. Os alumnos recibiría, ademais, formación adicional en seguridade e adestramento específico no eido da aeromecánica.O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; visitaron o CIFP As Mercedes, onde coñeceron de primeira man os proxectos innovadores que este centro de referencia na provincia está a desenvolver. Neste sentido, o conselleiro de Educación salientou a importancia de transmitirlle ás empresas as potencialidades, calidade e talento do alumnado e profesorado da FP galega, e o que isto supón como oportunidade para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación e preparados para dar resposta ás necesidades das empresas.
O polo aeronáutico de Rozas ten previsto crear máis de seiscentos postos de traballoRomán Rodríguez tamén salientou a oportunidade que agora se abre coa posta en marcha neste centro do ciclo de grao superior, que se impartirá o vindeiro curso en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial ‘Esteban Terradas’ (INTA) e a empresa Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L. Unha iniciativa que se completará con diversas colaboracións en materia de FP, innovación, emprendemento, formación do profesorado e recoñecemento das competencias profesionais dos traballadores.
Estes acordos constitúen unha oportunidade única para a implantación dunhas ensinanzas de futuro, que están a experimentar un gran auxe ao abeiro dos novos usos que se lle está a dar a aparellos como os drones, contemplados nesta formación. Deste xeito, introdúcese un novo ciclo da man dos axentes principais que están a desenvolver estas tecnoloxías, as empresas, o que supón un valor engadido á formación do alumnado de FP unha clara vantaxe á hora da súa incorporación ao mercado laboral.
Pola súa parte Francisco Conde salientou que o novo ciclo supón un novo paso para que o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, “se constrúa sobre unha base de talento galego”. Conde resaltou que para acadar esa meta é necesaria unha oferta formativa sólida tanto no que se refire á educación superior, como no relativo á Formación Profesional.
Neste senso, subliñou que a nova titulación de Enxeñería Aeronáutica no campus de Ourense dá resposta a unha desas necesidades, deses ocos, un papel completado por ciclos de FP como o de Mantemento Aeromecánico, “que se aliña perfectamente coas necesidades do noso polo de avións non tripulados, no que precisamente Indra e Inaer trasladarán a Rozas o mantemento das súas aeronaves”.
É un programa de formación que responde de forma específica ás necesidades da compañías galegas, xa sexa no polo de Rozas ou do resto de empresas aeronáuticas. “O programa axudará a que o ciclo superior en aeronáutica sexa unha auténtica fonte de talento da que se nutra Rozas, xunto á titulación de Ourense” para abastecer a un polo de avións non tripulados que xerará inicialmente 600 empregos.
Respecto da impartición do ciclo de grao superior en Mantemento Aeromecánico, desenvolverase de forma conxunta nas instalacións do CIFP As Mercedes e das devanditas entidades, cunha duración de 2 cursos académicos. A vixencia do convenio é de 4 anos, polo que se poderían beneficiar desta iniciativa case 90 rapaces (22 por curso académico), sendo posible tamén a renovación do acordo ao seu remate.
O ciclo súmase á titulación universitaria que comezará o vindeiro curso no campus de OurenseDo total dos 14 módulos dos que consta o ciclo formativo, 6 desenvolveranse no CIFP e os outros 8 nas instalacións de INTA e de Actividades Aeronáuticas Lucenses, S.L; especialmente módulos específicos que requiran da experiencia de persoal destas entidades para a súa impartición ou de maquinaria e equipamento do que dispoñen tanto o Instituto Nacional ‘Esteban Terradas’ como Aeronáuticas Lucenses. Respecto do módulo de FCT, cómpre sinalar que durante este período as alumnas e alumnos recibirán formación adicional en seguridade, un adestramento específico neste eido que contribuirá de forma significativa a completar a cualificación dos estudantes e a mellorar o seu currículo de cara ao seu ingreso no mundo laboral.
Cómpre sinalar que, ademais de aos propios alumnos deste ciclo, as devanditas entidades poderán acoller nas súas instalacións a outros alumnos de FP para a realización do módulo de FCT. Todos aqueles que finalicen de forma satisfactoria esta formación incorporarase á base de datos curricular da empresa, podendo participar en futuros procesos de selección.
Durante o seu percorrido polo centro, os conselleiros tiveron a oportunidade de coñecer o proxecto innovador “Montaxe, instalación de central frigorífica didáctica para estudo e avaliación do funcionamento de equipos frigoríficos industriais de supermercados”, desenvolvido polo alumnado e profesorado dos ciclos da familia profesional de Instalación e Mantemento. Así mesmo, o equipo do CIFP amosoulles algúns dos equipamentos cos que se traballará no novo ciclo de Mantemento Aeromecánico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario