Os profesores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Coruña reflexionan nun novo volume -publicado por Baía Edicións e dispoñíbel tamén como libro electrónico- sobre o papel do estándar na normalización do galego. A presentación, a semana próxima en Compostela.
Baía Edicións e o Grupo Illa da UDC presentan o libro de Xosé Manuel
Sánchez Rei (editor), na Libraría Pedreira o próximo martes día 14 de
abril ás 20:00 horas, en que intervirán, ademais do editor, Goretti
Sanmartín (autora), Xosé Ramón Freixeiro (autor), María Xesús Costoia
(Libraría Pedreira) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía
Edicións).
En palabras da editorial, modelos de lingua e compromiso é unha
reflexión sobre a necesaria vinculación entre calidade do noso idioma e a
súa recuperación.
A publicación, cunha versión electrónica que xa se pode mercar en liña,
coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei, dá acubillo a traballos
realizados polas profesoras e polos profesores da Facultade de Filoloxía
da UDC Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro,
Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei,
integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC.
O estudo participa no debate vixente sobre o modelo lingüístico que se
debe promover ou sobre se realmente ten sentido falarmos dunha 'lingua
de calidade', profundando na necesaria confluencia entre o compromiso
real co idioma desde as institucións públicas coa proxección dunha
referencia exemplar digna de calidade para o galego.
Por iso, o propio título deste volume colectivo, "Modelos de lingua e
compromiso," sintetiza con acerto unha das ideas xerais contidas e
matizadas en cada un dos traballos desde prismas diferentes,.
Por exemplo, cal é o estreito vínculo entre a implicación coa
normalización do galego en todos os ámbitos de uso e a predilección por
un modelo lingüístico capaz de o estilizar e de o dignificar. O editor
sinala que "dificilmente se pode pensar nunha restauración social da
lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo
español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con
variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade,
mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con
aquela lingua".
Para desenvolver estes puntos de partida, preséntase unha organización
das cinco contribucións que avanza do máis xenérico a cuestións máis
concretas:
“Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego”, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
“A preocupación por unha lingua oral de calidade: aproximación
histórica ao caso do galego nos anos finais do século XIX e nos inicios
do XX”, de Xosé Manuel Sánchez Rei.
“Arredor da calidade da lingua no teatro da primeira metade do século XX”, de Laura Tato Fontaíña.
“Eduardo Pondal á procura do verbo sublimado. Arredor das re-escrituras pondalianas”, de Manuel Ferreiro.
“A estética da seguranza. Lingua e transcendencia en Rosalía”, de Goretti Sanmartín Rei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario