Esta semana comezou a
súa andaina a Feira
Internacional Virtual de Emprego FINDE.U, unha iniciativa
transnacional organizada polas universidades de Vigo, Porto e
Tras-Os-Montes e Alto Douro e na que están a participar, xa, máis
de 1.500 estudantes e titulados de ámbalas beiras do Miño e arredor
de 80 empresas. Segundo
informa a UVigo, os estudantes e titulados terán ao alcance da súa
man até 850 ofertas laborais (as dadas de alta na plataforma en
liña). A feira foi inaugurada a través de videoconferencia por
Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Sebastião Feyo de
Azevedo, reitor da Universidade de Porto e António Augusto
Fontainhas Fernandes, reitor da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto
Douro.
Lembrar que a
celebración da feira estenderase a toda a semana en curso: ao longo
destes días os estudantes das tres institucións e os que veñan de
rematar os seus estudos poderán seguir inscribíndose e buscando na
feira unha oportunidade laboral. Porén, si que está pechado o prazo
de inscrición para as empresas e organismos, deixando a
participación en 110 expositores, 80 deles son empresas de todos os
sectores e sobre todo de España e Portugal, aínda que tamén hai
presenza de países como Bélxica, Alemaña, Malta, Eslovaquia,
Irlanda, Reino Unido, Países Baixos, Estonia, Polonia ou Noruega.
Entre as compañías
participantes están, entre outras, Continental, AT&T,
Calzedonia, Benteler, Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Indra,
Manpower, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden
ou Deerpark House. Deste xeito, os estudantes poden acceder a 854
ofertas de emprego, cifra que pode seguir incrementándose ao longo
da xornada deste luns. Tamén participan nesta cita de
empregabilidade os servizos Eures de 12 países e 20 puntos de
información.
A feira que arrancou
hoxe desenvolverase ata o venres 3 de xuño. Nas dúas primeiras
xornadas desenvolveranse varias sesións formativas que se poderán
seguir tanto presencial como virtualmente e nas que se tratarán
temas como a busca de emprego en Europa mediante Eures, o
emprendemento e autoemprego, as posibilidades de emprego científico
para investigadores, a creación dun perfil en LinkedIn, o programa
Erasmus, o Europass ou a creación de vídeo currículos, entre
outros contidos. Este martes as sesións que terán lugar en Vigo
correrán a cargo de Enrique Gallardo, que presentará Eurodesk (en
palabras da UVigo “un servizo de información dirixido a mozos e
mozas para coñecer e participar en programas da Unión Europea sobre
formación, educación, voluntariado, bolsas de estudos, lecer,
etc”); de José Antonio Rodríguez Fachado, de Xuventude.net (que
falará sobre o programa de mobilidade xuvenil Galeuropa); o profesor
da Universidade, Celso Cancela (que coordina a Cátedra Jean Monnet e
exporá as oportunidade de traballar nas institucións da UE) e
Teresa Ventín, coordinadora do servizo Eures transfronteirizo
Galicia-Norte de Portugal.
As sesións pódense seguir en
streaming e tamén de xeito presencial na universidade dende a
que se emita cada unha das intervencións.
Na segunda parte da
feira, do 1 ao 3 de xuño, os estudantes poderán acordar entrevistas
telemáticas coas empresas, para o que a Área de Emprego porá á
súa disposición a sala III do edificio Miralles dende onde se
poderán conectar á plataforma virtual habilitada para este fin, “no
caso de non facelo dende os seus propios dispositivos electrónicos”,
explica a organización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario