As universidades de Vigo, Porto e UTAD asinaron un convenio que comprende unha versión virtual e dúas presenciais.
A Feira Internacional de Emprego tivo a súa primeira edición en 2015 na Universidade de Porto. Dado o éxito colectado en 2016, esta iniciativa estenderase a Galicia e nela implicaranse as universidades de Porto, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro. As tres institucións asinaron este xoves un convenio de colaboración que permitirá poñer en marcha dúas feiras presenciais en novembro en Porto (días 2 e 3) e Vigo (días 8 e 9) outra de carácter virtual, que terá lugar a finais deste mes de maio e para a que xa está aberta a inscrición para empresas.No acto de sinatura, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, destacou que este tipo de eventos permiten que “os nosos estudantes se sintan acompañados, atendidos e axudados” no inicio da súa carreira profesional. Trátase, por unha banda, de axudar ao alumnado a sacarlle o maior rendemento ás capacidades que adquiriron na universidade, mentres que por outra, “queremos que as miles de empresas que xa colaboran coas nosas universidades descubran o talento dos nosos estudantes e teñan unha forma sinxela de atopar profesionais válidos moi preto deles”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Porto, Sebastião Feyo de Azevedo, remarcou que prestar este tipo de servizos forma parte da súa obriga de institución pública, que vai máis aló da docencia e se traduce nunha aproximación ao tecido social. Neste sentido destacou a obrigas das universidades, “sobre todo nos días de crise que vivimos tanto en España como en Portugal”, de axudar aos estudantes a atopar “aquilo ao que teñen dereito, un traballo digno e de calidade para seren útiles á sociedade”. Artur Fernando Arede Correia Cristovão, vicerreitor para o Planeamento, Estratégia e Organização da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro destacou que o acordo para realizar de xeito conxunto estas feiras permitirá tamén intercambiar experiencias e mellorar as prácticas das tres institucións no eido da empregabilidade.
A internacionalización deste evento achégalle un carácter innovador, reforzando a conexión existente entre o norte de Portugal e Galicia, ademais de poñer aos principais empresarios portugueses, españois e internacionais en contacto directo con máis de 61.000 estudantes universitarios e máis de 110.000 titulados das tres institucións. Así mesmo, os eventos están abertos á participación de todas aquelas persoas que se atopen no mercado laboral das máis variadas áreas de formación. Ademais de contactar cos estudantes e titulados, os empresarios tamén terán a posibilidades de crear novos contactos e de divulgar as súas políticas empresariais e de formación grazas á súa presenza nas tres feiras.
A Feira Virtual de Emprego desenvolverase do 30 de maio ao 3 de xuño. En colaboración coa Rede EURES será unha plataforma innovadora e interactiva na que as entidades empresariais poderán procurar persoal do mesmo xeito que nunha feira de emprego tradicional, aproveitando todas as vantaxes que ofrece un evento virtual, vinculado a todos os sectores da actividade empresarial e do ámbito internacional. Deste xeito, as empresas poderán presentar as súas organizacións aos estudantes e titulados de todo o mundo a través de varios vídeos e dun servizo de chat, co obxectivo de conectar a varias persoas mediante conversacións escritas e de audio. Deste xeito, os estudantes, titulados e empresas terán as ferramentas ideais para discutir sobre as oportunidades de emprego, eliminado barreiras xeográficas e dando a posibilidade tanto aos solicitantes de emprego ou prácticas como aos empresarios de relacionarse sen importar a súa localización.
O evento é transfronteirizo entre Galicia e o Norte de PortugalAdemais, os estudantes que participen neste evento poderán contactar con empresas de varios países, efectuar a súa candidatura a varias ofertas de emprego e de prácticas ao longo dunha semana, asistir en directo ás presentacións de temas relacionados con emprego e as profesións, charlas motivacionais e seminarios sobre competencias de xestión e de desenvolvemento persoal, programas e oportunidades de emprego e de prácticas nacionais e internacionais, sesións sobre emprendemento e dispor da posibilidade de ser entrevistados para unha posible oferta de emprego. Ademais poderán asistir presencialmente nos días 30 e 31 de maio a algunhas das sesións que se van celebrar nos campus sobre temas máis xerais relacionados coa procura de emprego en Europa (mediante a Rede EURES), as posibilidades de emprego científico para investigadores ou como crear un perfil Linkdln.
As feiras presenciais de Porto (2 e 3 de novembro en Exponor) e Vigo (8 e 9 de novembro no Ifevi) posibilitarán que as organizacións e empresas contacten persoalmente con posibles candidatos, sobre todo portugueses e españois, durante os días nos que se espera unha grande afluencia. Tamén posibilitarán que as empresas promovan e divulguen a súa marca e que se posicionen no mercado laboral como entidade a ter en conta por posibles candidatos cando comecen a busca de traballo. Nas feiras, as empresas e organizacións poderán divulgar as súas ofertas de emprego de forma inmediata, promover procesos de selección a medio e longo prazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario