A Europeana
(a gran biblioteca dixital europea) e a comunidade internauta (a nosa
pero tamén as demais) piden máis presenza da nosa lingua no seu
seo. Máis polo miúdo, os seus impulsores requiren que poidamos
facer buscas en galego no repositorio, un macro-acubillo de
información de acceso libre que xunta máis de 45 millóns de
documentos dixitalizados de máis de 2.300 institucións culturais
dos 28 Estados membros da Unión. Así
nolo lembran estes días dende a Universidade de Santiago (USC),
que recorda que “con semellante cantidade de documentos de todo
tipo”, dende libros e xornais a revistas pasando por gravacións
orais ou pinturas ou mapas, “as buscas resultan imprescindíbeis”.
E se poden ser en todas as linguas europeas, mellor que mellor.
O obxectivo de Europeana,
de feito, é mellorar a calidade das procuras e que todos poidamos
atopar o máis doadamente posíbel o que buscamos, ao tempo que se
garante a diversidade e a gran vantaxe do multilingüe. Polo tanto, a
gran biblioteca dixital europea remata ano cun propósito que nos
atinxe de cheo: que tanto no que respecta aos elementos propios da
procura como no relativo aos metadatos (os datos que describen os
documentos e que serven para localizalos), todas as persoas usuarias
do macro-acubillo dixital poidan facer procuras nas súas propias
linguas. “Arestora”, informa a USC, “as coleccións de
Europeana teñen metadatos en mais de trinta linguas europeas; no
futuro todos os usuarios e usuarias europeos deberían poder facer as
súas buscas nas linguas de seu”.
Para este labor, os impulsores da biblioteca europea
propuxeron un traballo colaborativo. Así, precisan falantes de toda
Europa que introduzan termos de busca nas súas linguas nais, para
así logo poder avaliar a pertinencia deses termos. Segundo informa a
USC, “as galegas e galegos temos aquí unha oportunidade de
introducir a nosa lingua: ofrecendo a nosa propia versión da lapela
de buscas xerais de Europeana, onde aínda non aparece o galego”.
Para as e os internautas que se animen a colaborar, poden facelo
seguindo os
pasos detallados no caderno en liña da iniciativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario