Esta semana soubemos da
posta en marcha de Tolón Tolón, firma que xunta produtores
agrícolas de Agolada, Portomarín e Lalín. A empresa salienta por
estar cen por cen envorcada nas plataformas en liña, comezando pola
web que lle serve de palestra comercial.
Ademais, xa
se estreou con medio cento de pedidos dunha caixa degustación a
través do servizo WhatsApp de mensaxería instantánea (os
pedidos fixéronse en tempo record, apenas tres horas, o que
serviu como detonante definitivo de saída).
A maiores, o proxecto foi
collendo corpo no Galicia
Market Place, a feira sobre sectores tradicionais e innovación
que impulsou en xuño o Círculo de Empresarios de Galicia. A web
está centrada en levar aos nosos fogares produtos de calidade do
noso rural: carne, iogures, ovos, mel e queixos.
Polo que respecta ao
xeito de operar, a plataforma achegará en breve a posibilidade de
facermos compras de maneira directa por Internet (polo de agora só
vía telefónica). A web, que polo de agora se centra en enviar
pedidos a Vigo, foi lanzada co obxectivo de “trasladar os momentos
de aldea á cidade”. A intención dos impulsores é conseguir que
nos espazos urbanos poidan gozar dos produtos de calidade que se
obteñen no rural. Entre os valores engadidos do servizo atópase o
de non contar con intermediarios: “Servimos o produto fresco, dende
o produtor á túa cociña sen pasar por longos proceso de
distribución”, e todo “a un prezo moi semellante ao dos
supermercados máis estendidos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario