O
Centro
AtlantTIC, en colaboración con Gradiant e SCR
(do grupo Everis Aeroespacial e Defensa), vén de realizar por vez
primeira voos experimentais dun enlace satélite para uso civil.
Impulsada e desenvolvida ao abeiro do proxecto TÁCTICA, esta
tecnoloxía recentemente probada e validada no Aeródromo das Rozas
(Lugo) fará posíbel transmitir por satélite máis información en
menos tempo, “mellorando a fiabilidade da comunicación nas
diferentes condicións de voo, e aumentando a velocidade de
transmisión”, informan os responsábeis da iniciativa. Nas Rozas
avaliouse o novo sistema de comunicacións embarcado nun dron, un
vehículo aéreo sen tripulación, para comprobar as posibilidades de
conexión en tempo real a través de satélite.
“O reto
desta tecnoloxía”, sinalan desde AtlantTIC, “é mellorar os
sistemas de comunicación móbiles vía satélite de uso civil
(drons, coches, avións, barcos), posto que a día de hoxe xa existen
drons no ámbito militar que incorporan sistemas de comunicación por
satélite moi sofisticados”. Con este fin, déuselle forma a
algoritmos de adaptación de enlace que permiten axeitar as
transmisións ás condicións nas que se atopa a canle. “Desta
maneira”, engaden as tres entidades implicadas en TÁCTICA,
“acádanse comunicacións máis fiábeis con independencia das
condicións de voo e transmítense máis datos a máis velocidade,
aínda que se produzan ruídos na canle”.
Co fin de achegar
o estado de maduración desta tecnoloxía a unha fase próxima ao
estado “produto”, AtlantTIC contou co coñecemento e a
experiencia en UAVs (Unnamed Aerial Vehicle,
que
é outro xeito de denominar os drons)
de Gradiant e de SCR-Everis. Así, Gradiant foi responsábel de
integrar os algoritmos nun hardware de comunicacións ad-hoc,
un prototipo embarcábel nun UAV que se comunicou a través dun
satélite norteamericano a 10.500 quilómetros de altura cunha base
terrestre en Vigo. A experiencia en innovación de SCR, pola súa
banda, fixo posíbel executar os voos de proba da devandita
tecnoloxía grazas á súa plataforma de voo ATLANTIC, un UAV de
medio alcance que permite voar cargas de pago de 7 quilogramos en
misións de até 5 horas.
TÁCTICA,
o gran proxecto TIC de Galicia
O
desenvolvemento do algoritmo e a posibilidade de realizar as probas
reais foi parte dunha das liñas de traballo dun proxecto maior e
máis ambicioso no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a
Comunicación (TIC) en Galicia. Falamos do proxecto TÁCTICA, que
conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO)
e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). TÁCTICA
xorde da man de AltantTIC como unha gran iniciativa de I+D con varias
de liñas de investigación que, dunha banda, impulsan o polo de
xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia ao
redor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade
de Vigo e, doutra, permiten xerar coñecemento aplicado “con
resultados claramente transferíbeis á industria”. As demandas
empresariais de I+D en Tecnoloxías da Información e a Comunicación
e o amplo historial de transferencia de AtlantTIC, permitiron definir
varios subproxectos que deben actuar como elementos impulsores desta
actividade de transferencia do Centro cara ás empresas do sector
TIC.
A través desta colaboración en TÁCTICA, Gradiant
consolida a súa traxectoria e competencia tecnolóxica no sector das
aeronaves non tripuladas, e reforza o seu modelo de transferencia de
coñecemento avanzado cara as empresas de Galicia. O éxito da probas
abre un novo espectro de oportunidades en Galicia no marco do sector
dos UAVs, unha industria pola que o Goberno de Galicia, a través da
Axencia Galega de Innovación (GAIN), apostou fortemente coa súa UAV
Civil Initiative para crear un polo de desenvolvemento
tecnolóxico-industrial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario