A pobreza enerxética afecta a 65 mil fogares galegosNos últimos anos foron moitas as iniciativas e demandas lanzadas dende distintas forzas políticas, sindicatos e movementos sociais contra a pobreza enerxética, e que inclúen entre as súas medidas concretas fórmulas para evitar os cortes de subministro aos fogares que non poden facer fronte ao pagamento das facturas de luz e e gas. A pobreza enerxética afecta a entre 65 mil (segundo a cifra achegada polo centro de investigación Economics for Energy) e 100 mil fogares galegos. A crise triplicou a pobreza enerxética: Entre 2007 e 2013, a pobreza enerxética pasou de afectar ao 3,6% das familias españolas a case rozar o dez por cento (9,88%). As razóns deste incremento hai que buscalas tanto no aumento das diferenzas entre ricos e pobres ao longo da crise económica, coma na constante suba dos prezos da electricidade e a enerxía. Entre 2007 e 2014 a factura eléctrica dun fogar medio en España incrementouse un 76% e a factura de gas natural un 35%.
Recentemente os grupos galegos das PAH e de Stop Desafiuzamentos lanzaron a campaña Sen as 5 da PAH, eu non vos voto, con cinco grandes demandas para as forzas que concorren aos comicios do 20D, entre as que están as "subministracións garantidas de auga, luz e gas evitando calquera corte destes servizos". Ademais, o pasado 27 de novembro a Oficina Dereitos Sociais - Coia levou a cabo unha ciberacción baixo o lema #luzecalorparatodas para loitar tamén desde as redes contra a pobreza enerxética, lembrando que "o Concello de Vigo acenderá 2 millóns e medio de bombillas, gastará 400.000 euros no alumeado de Nadal" mentres "veciñas e veciños desta cidade sofren cortes de electricidade todo o ano, tamén en Nadal". A campaña foi acompañada dun vídeo realizado por Galiza Contrainfo. De igual xeito, a CIG leva meses difundindo a través de mocións en concellos e accións públicas unha ILP "contra a pobreza enerxética", buscando "abrir un intenso debate social sobre un dereito fundamental como é o dereito á enerxía".
Xa o pasado ano houbera varias iniciativas políticas, coma a presentada polo BNG, que buscaron impedir legalmente os cortes de subministro enerxético ás persoas que non a poidan pagar por carecer de cartos para facelo. O PP posicionouse en contra e ofreceu, como alternativa, unha reforma do seu tícket enerxético, que paga unha contía semellante ao custe dun recibo e medio de electricidade.
Este domingo, ademais, Salvados dedicará o seu programa á pobreza enerxética. Jordi Évole levará a Ada Colau, José Manuel Soria (actual ministro de Industria) e Miguel Sebastián (que ocupou a mesma carteira co PSOE) á casa dunha familia que non pode pagar a luz.
O programa dos partidos
O tema está presente na campaña electoral das eleccións xerais do 20 de decembro. O incremento dos elementos de protección para as persoas e colectivos máis febles e en situación de pobreza aparece de cando en cando nos discursos. Pero que é o que din os programas electorais das principais forzas políticas?O PP aposta por un bono social e PSOE e Ciudadanos prometen garantías que eviten os cortes de subministros no invernoO Partido Popular sinala que "reforzaremos a protección do bono social garantindo que teñan acceso a el todos os consumidores en situación de vulnerabilidade. En concurso coas Comunidades Autónomas e Entidades Locais e aberto á participación de empresas e a sociedade no seu conxunto, impulsaremos a creación de fondos para a protección de consumidores con risco de exclusión".
Mentres, o PSOE di que "urxe incorporar o combate contra a pobreza enerxética como prioridade da política enerxética española". Afirman que "lexislaremos un marco de cobertura social sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas), que garanta que ningún fogar poida ser privado dun mínimo de cobertura de subsistencia entre o 1 de novembro e o 31 de marzo".
En Marea e Nós demandan a garantía de subministro mínimo e a prohibición dos cortesEn Marea inclúe nos seus puntos programáticos a loita "contra a pobreza enerxética", defendendo a "garantía de subministro mínimo". No programa de Podemos sublíñase que "poñeremos en marcha medidas complementarias para atender situacións de urxencia social", entre elas a "pobreza enerxética" e que "desenvolveremos unha lei orgánica que garanta o acceso a un fornecemento mínimo", explicando que "non se procederá ao corte de fornecemento de electricidade ou gas cando se trate da vivenda habitual do consumidor e cando o impago da factura se deba a motivos alleos á súa vontade e, en particular, a unha situación de pobreza sobrevida". De igual xeito Izquierda Unida di que "se debe garantir que ningún fogar poida ser privado do subministro básico para cubrir os usos vitais dunha familia".
Pola súa banda, Nós defende "a electricidade como ben básico para a cidadanía" e aposta por "prohibir cortar a subministración básica de auga, electricidade e gas a persoas en situación de vulnerabilidade. Nestes casos as propias empresas alugadoras terán que facerse cargo das subministracións".
Finalmente, Ciudadanos promete establecer "un Plan de Choque contra a Pobreza Enerxética, definindo a figura do consumidor en risco de exclusión enerxética" e que se "impedirá que se realicen cortes de enerxía na estación fría do ano en fogares cuxos membros se atopen en risco de exclusión"
Ningún comentario:
Publicar un comentario