Un titular podería ser que os galegos e galegas están moderadamente satisfeitos e satisfeitas coas súas vidas. O 14,8% danlle un sobresaliente (9-10), un 45% valórana cun notable (7-8), un 30,5% limítanse a un aprobado (5-6) e só un 9,7% a valora negativamente (0-4). Hai pequenas diferenzas por idade ou sexo, pero sobre todo polo nivel de ingresos dos fogares e entre as persoas con emprego e as desempregadas.
Coñecida é a teoría do Premio Nobel de Economía en 2015 Angus Deaton de que os ingresos e a felicidade están correlacionados, pero só ata unha determinada cantidade (o cálculo que realizou xunto con Daniel Kahneman fixábaa nos 75 mil dólares anuais nos Estados Unidos). É dicir, que un determinado nivel económico (ou a ausencia de problemas monetarios, por analizalo doutro xeito) implicaba unha maior satisfacción coa calidade de vida, pero que ao chegar a un determinado nivel, no que a maioría das necesidades materiais quedaban cubertas, máis cartos non provocaban un maior grao de satisfacción.
Nas familias con ingresos mensuais inferiores aos mil euros mensuais un 18,5% dos seus integrantes decláranse insatisfeitos coas súas vidasNo caso de Galicia, á vista dos datos ofrecidos polo IGE, si que parece que o nivel de ingresos do fogar está directamente relacionado non só co nivel de satisfacción coa situación económica, senón tamén co nivel de satisfacción global das persoas. Nas familias con ingresos mensuais moi reducidos, inferiores aos mil euros mensuais, un 18,5% dos seus integrantes decláranse insatisfeitos coas súas vidas (0-4 sobre 10), con outro 37% valorando a súa satisfacción cun aprobado (5-6) e cunha valoración media de 6,04 puntos. Uns ingresos lixeiramente superiores (entre 1.000 e 1.500 euros mensuais) reducen a porcentaxe de insatisfeitos ata o 11% e elevan a valoración media ata os 6,58 puntos. Nas familias con ingresos superiores aos 3.000 euros mensuais, a insatisfacción redúcese ata o 5%, a valoración media supera o notable (7,17). De igual xeito, a enquisa amosa que as persoas desempregadas valoran as súas vidas de forma moito máis negativa que as persoas con emprego (6,02 fronte a 7,02) e que un 20% dos parados e paradas afirma non estar satisfeito ou satisfeita coas súas vidas.
A enquisa pregunta pola satisfacción que se sente en relación con outros aspectos: dende as relacións persoais (7,63 sobre 10) e a vivenda (7,18), os elementos puntuados de forma máis positiva; ata o traballo (6,71), o tempo necesario para chegar a el (6,92) ou a calidade da zona na que se vive (7), todos moi ben valorados. Despois da situación económica (5,52), os outros items de preocupación serían a ausencia ou baixa calidade das áreas recreativas ou verdes da zona na que se vive (5,95) e a falta de tempo para poder facer o que lle gusta a cada persoa (6,15).
Cartos e saúde
O nivel de ingresos parece estar tamén relacionado co nivel de saúde, ou cando menos coa autopercepción que cada persoa ten do seu nivel de saúdeO nivel de ingresos parece estar tamén relacionado co nivel de saúde, ou cando menos coa autopercepción que cada persoa ten do seu nivel de saúde. A proporción de galegos e galegas que cualifican a súa saúde de mala ou moi mala é do 15% nas familias con ingresos inferiores aos 1.000 euros mensuais, reducíndose a medida que se incrementa a dispoñibilidade económica, ata o 6% nos fogares con ingresos por riba dos 3.000 euros. De igual xeito, nas familias con menores ingresos a percepción de boa ou moi boa saúde é do 47%, elevándose ata o 65% nos fogares con máis ingresos. A enquisa tamén revela que son as persoas con menos ingresos as que máis deixaron de "consultar a un médico ou dentista cando o necesitaba", o que sucedeu no 24% de casos, sendo o prezo a principal razón aludida.
As persoas con ingresos máis reducidos son tamén as que en maior medida recoñecen terse sentido "desanimados e deprimidos" ultimamente. Un 14%, sempre ou case sempre e o 47% algunha vez. A maior dispoñibilidade económica, menos desánimo e, por exemplo, nos fogares con ingresos por riba de 3.000 euros mensuais esas mesmas magnitudes redúcense ata o 4% e o 37%. Pola contra, as persoas que se senten felices sempre ou case sempre son o 48% nos fogares con menos ingresos e o 62% nas familias máis acomodadas.
Seguridade
Un 36% das mulleres din sentirse inseguras camiñando soas de noite pola zona na que viven, unha porcentaxe que se reduce ata o 16% no caso dos homesFinalmente, a enquisa pregunta tamén polo nivel de seguridade que senten os galegos e galegas. Chama a atención un dato, con grandes diferenzas entre homes e mulleres. Un 36% das mulleres din sentirse moi inseguras ou un pouco inseguras camiñando soas de noite pola zona na que viven, unha porcentaxe que se reduce ata o 16% no caso dos homes. De igual xeito, o 30% dos homes asegura sentirse moi seguro, exactamente o dobre que as mulleres (15%). Esta sensación de seguridade ou inseguridade non se estende a outros medos, coma os de sufrir un roubo (na casa ou noutro lugar), unha posibilidade valorada case por igual por homes e mulleres (probable ou moi probable: 21% nos homes, 24% nas mulleres).
Ningún comentario:
Publicar un comentario