As persoas con doenzas mentais son os discriminados entre os discriminados. Hoxe, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, repasamos como as administracións levan máis dun lustro saltándose a Lei por non convocaren prazas de emprego específicas para eles. Madrid rectificou hai tres anos -tres galegos deste colectivo xa son funcionarios estatais- e a Xunta promete facelo en 2016.
A Xunta de Galicia anunciou a pasada semana que “porá en marcha
por primeira vez na historia da Autonomía listas de contratación
específicas para persoas con discapacidade intelectual”. Ábrese
así unha nova oportunidade de inserción laboral para os discapacitados
máis discriminados os que sofren unha doenza mental.
Un exemplo da discriminación institucional e social que arrastran estas persoas é que a Xunta debería ter aberto estas listas específicas en 2007. Daquela
renovouse o Estatuto Básico do Empregado Público, fixando que “a
reserva do mínimo do sete por cento realizarase de xeito que, ao menos, o
dous por cento das prazas ofertadas sexa para ser cubertas por persoas
con discapacidade intelectual e o resto para persoas que acrediten
calquera outro tipo de discapacidade”.
A Xunta e outras administracións levan anos reservando ese 7% para persoas discapacitadas, pero nin rastro do 2% para os discapacitados intelectuais.
Integrar a estas persoas require esforzo. Cómpre, entre outras moitas
cousas, exames específicos e identificar postos de traballo adaptados as
súas capacidades e formación.
O que non quere dicir que a Administración non estea capacitada para cumprir a Lei. De feito, a Administración Xeral do Estado xa levou a cabo tres convocatorias de oposicións de emprego público con prazas reservadas en exclusiva para estes cidadáns.
De acordo aos datos publicados a Federación Galega de Asociacións en
favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA),
no país hai polo menos tres galegos que lograran unha praza
Administración do Estado en Galicia grazas a estas convocatorias.
As cousas poden mellorar. FADEMGA explica que dende este mes de novembro, a Subdelegación do Goberno en Ourense, conta cunha nova traballadora moi especial. Chámase Almudena Sutil,
quen xa se incorporou ao seu novo posto como ordenanza, despois de
obter a praza grazas ás oposición convocadas en exclusiva polo Estado
para este colectivo.
Almudena Sutil súmase ás recentes incorporacións dos seus compañeiros Francisco Javier Gomila (no Instituto da Mariña de A Coruña), e ás viguesas Xiana
Cortegoso (na Seguridade Social da cidade olívica) e Sira Vasco, no seu
caso na Dirección Provincial de Ceuta do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Na actualidade FADEMGA Plena Inclusión Galicia está a preparar a novos
grupos para estas persoas que reclaman o seu dereito a loitar por praza
de emprego público. FADEMGA dá clases a 16 persoas, esperando que en vindeiras datas se incorporen novos alumnos.
O colectivo ten a esperanza de que haxa listas específicas nas
vindeiras convocatorias da Administración Xeral do Estado e da Xunta de
Galicia. Malia os múltiples chamamentos do chamado cuarto sector a prol
da integración, non hai noticia de que ningún concello galego abrise as súas oposicións aos discapacitados intelectuais. Desgraciadamente, a práctica totalidade das administracións locais non executaron aínda o que establece a Lei.
A Xunta prometeu que “abordará a creación de listas de contratación
específicas para persoas con discapacidades intelectuais, e haberá
reunións coas entidades representativas do sector para tratar os
procedementos de acollida a seguir e as características destes postos de
traballo”.
As prazas prometidas por vez primeira non abondarían para cumprir a
legalidade. Os futuros traballadores da Xunta discapacitados
intelectuais teñen, entre outros dereitos, preferencia na elección de destino
(cando sufran de situación de mobilidade reducida ou dependencia
persoal); adaptación e axuste razoable do posto de traballo e
adaptación da formación, por exemplo cursos específicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario