Esta
mañá asinábase o
acordo polo cal a Xunta e a Federación Galega de Municipios e
Provincias (FEGAMP) colaborarán de novo en 2016 para garantir
que a capacitación dixital chegue a todos os galegos a través das
actividades que desenvolve a Rede de aulas CeMIT. Ao acto asistían o
vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, a directora da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o
presidente da Federación Galega de Municipios (FEGAMP) Alfredo L.
García. O convenio establece que en 2016 a AMTEGA achegará aos
concellos a través da FEGAMP 782.774,70 euros para a realización de
actividades en materia de inclusión dixital nas consideradas aulas
de referencia da Rede.
En
canto a novidades, este ano o acordo inclúe a posibilidade de dispor
dunha listaxe de aulas de reserva de xeito que, cando unha aula de
referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos
criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula
de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade.
Os
obxectivos previstos da Rede para 2016 son impartir 45.000 horas de
formación dixital de balde e acadar os 56.000 usuarios rexistrados.
Xunto
coas actividades formativas, o vindeiro ano poranse a
disposición da cidadanía galega dúas novas ferramentas para facer
máis doado o acceso aos recursos de capacitación dixital. Estamos
a falar dunha web de Inclusión Dixital, que integrará nun único
espazo toda a información relacionada cos servizos, proxectos,
iniciativas e actividades desenvolvidas pola Xunta de Galicia neste
eido e un mapa de e-inclusión, que permitirá atopar e xeolocalizar
todos estes activos e recursos dispoñíbeis en Galicia no eido
dixital.
Asemade,
tamén en 2016 terán continuidade proxectos e iniciativas que se
puxeron en marcha en 2015 como CeMIT-Innova, un proxecto para
o fomento da innovación social dixital en Galicia. Tamén se
ampliará o alcance de O Banco de tempo, unha iniciativa para
intercambiar e compartir horas de formación
entre centros a través de videoconferencia.
A
Rede CeMIT é a rede habilitada para acreditar á cidadanía a
Certificación Galega de Competencias Dixitais
en ofimática (CODIX), da que xa se examinaron máis de 840 persoas.
A
Xunta e a FEGAMP levan dous anos colaborando no impulso de actuacións
de inclusión dixital no marco da Administración Local e durante o
2016 traballarase para avanzar no cumprimento dos obxectivos marcados
polas Axendas Dixitais española e europea, así como pola Axenda
Dixital de Galicia 2020, que establece entre os seus desafíos o de
pasar da alfabetización á autonomía dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario