A Universidade de
Santiago vai seguir colaborando con Yuzz
fornecendo recursos e prazas (un total de 20) para persoas
emprendedoras con idades comprendidas entre os 18 e os 31 anos. Así
o fixeron saber o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE)
e a USC, que veñen de informar do lanzamento da sétima edición do
programa, destinado a fomentar o talento e as ideas innovadoras na
mocidade. Segundo engaden, a convocatoria para participar fica aberta
até o día 14. Lembrar
que o centro Yuzz de Santiago está emprazado no Edificio Emprendia.
Dende alí, o ano pasado, informóusenos
do recoñecemento á iniciativa Syspo (Sistema optimizado de
xestión e localización de drons) cuxo responsábel (José Manuel
Vigo) atopou no centro da USC o pulo preciso para viaxar a Silicon
Valley xunto con outros 41 mozos de todo o ámbito español. Recordar
tamén que a Universidade da Coruña conta igualmente cun centro
Yuzz, e que na anterior edición distinguiuse
o labor de Abrahan Dopazo e Alfonso Varela co seu proxecto Fly
Away.
Volvendo á Yuzz
Santiago, sinalar que os 20 emprendedores seleccionados desenvolverán
os seus traballos dende un centro de alto rendemento, o Edificio
Emprendia Campus Vida, “onde contarán con espazo físico para
desenvolver a súa idea e poderán relacionarse con outros
emprendedores, recibir formación impartida por expertos profesionais
e ser asesorados por titores individuais”, informan os responsábeis
da edición compostelá do programa, que engaden que “unha vez
rematado, o proceso de formación e apoio, o mellor emprendedor do
Centro Yuzz Santiago ganará unha viaxe a Silicon Valley, a meca
mundial de innovación, onde se lle brindará acceso a foros de
financiamento, asesoramento en internacionalización e contacto con
inversores”. A o seu retorno, competirá cos mellores proxectos
nacionais por un premio (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para acelerar
o desenvolvemento do seu negocio.
Máis sobre Yuzz
Trátase dun programa
dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 18 e 31 anos que
ofrece, durante cinco meses, apoio, formación e asesoramento para
elaborar planes de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica.
Nas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas no
último ano participaron 900 emprendedores con 710 proxectos en 41
centros Yuzz de toda España. Segundo nos contan dende a USC, “a
colaboración de máis de 60 entidades locais públicas e privadas
fai posíbel que CISE, co mecenado do Banco Santander, a través de
Santander Universidades, desenvolva o programa en todo o territorio,
con centros de formación propios en cada localidade”. Na última
edición contouse co apoio especial da Fundación INCYDE, Fondo
Social Europeo e Red.es, ademais da colaboración de outras entidades
e organizacións a nivel nacional como, Indra, Tuenti, Intel, Secot,
a Fundación Príncesa de Girona e RedEmprendia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario