martes, 15 de decembro de 2015

IGUALDADE DESTACA A NECESIDADE DE AUMENTAR A PRESENZA DAS MULLERES NO SECTOR DAS TECNOLOXÍAS

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou o pasado sábado na xornada O Xénero da Tecnoloxía, organizada por Enxeñería Sen Froiteira, onde asegurou que que é necesario aumentar a presenza e protagonismo das mulleres no sector das tecnoloxías, xa que o papel clave que ten a investigación e a innovación no esforzo por un crecemento intelixente, sostible e inclusivo implica facer un uso completo do capital humano, incluíndo mulleres e homes por igual. A pesar dos avances dos últimos anos, mantense unha forte segregación horizontal, xa que as mulleres concéntranse nas actividades científicas consideradas "brandas" mentres os homes teñen maior presenza na tecnoloxía, e vertical, ao estar os postos de toma de decisións ocupados maioritariamente por homes tanto no ensino, nos grupos de investigación, e no proceso global de transferencia tecnolóxica cara á actividade produtiva.
Na inauguración da xornada tamén participaron á directora do Muncyt, Ana Correas; e a concelleira de igualdade e diversidade do concello da Coruña, Rocío Fraga, e o responsable do grupo de Educación para o Desenvolvemento de ESF Galicia, Juan Domingo Quintela Vázquez; e no acto López Abella incidiu en que son necesarias novas medidas de implementación e acción positiva que garantan o cumprimento das leis en materia de igualdade e de ciencia, tecnoloxía e innovación, e destacou que o goberno galego, a través da Unidade de Muller e Ciencia está a elaborar o II Programa Galego de Muller e Ciencia 2016-2020, no que participan distintos departamentos da administración autonómica.
Rematou afirmando que é necesario erradicar os estereotipos e falsos mitos que asocian a valía científica co prototipo de varón que antepoñen o seu éxito profesional ás súas responsabilidades familiares, devaluandose así a priori o traballo das científicas. Xa que as desigualdades de sexo existentes condicionan dende a infancia o acceso, o desenvolvemento de capacidades e habilidades ou o protagonismo das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, polo que é fundamental reforzar a coeducación nos colexios e institutos para romper os estereotipos de sexo, sendo necesario tamén prestigiar e motivar o profesorado e incrementar a formación do persoal orientador para favorecer no alumnado unha selección de estudos e profesións sen connotacións estereotipadas por razón de sexo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario