Nin a ponte festiva nin a campaña electoral puideron co Culturgal. Pouco
menos de 15.000 persoas, unha cifra semellante á do pasado ano, pasaron
entre o venres e o domingo polo Pazo da Cultura de Pontevedra para
participaren na Feira das Industrias culturais de Galicia, un punto de
encontro que, lonxe de pechar, xa se prepara para abrir as portas o
vindeiro ano entre o 2 e o 4 de decembro.
Para a Asociación Culturgal, organizadora da feira, o balance é de
"satisfacción" non só "polo éxito de público", senón tamén pola
"resposta transmitida por expositores e visitantes a respecto da
experiencia na feira", que como adoito, tivo como momentos de maior
afluencia as tardes do sábado e mais do domingo. Agora, din, é o momento de darlle "a benvida ao Culturgal 2016".
O presidente da asociación, o editor Manuel Bragado, coida que os
cambios introducidos no Culturgal resultaron un éxito. A "modificación
da distribución especail da feira permitiu unha mellor circulación do
público e un mellor confort na experiencia da visita", sinala Bragado,
que salienta tamén o "illamento acústico dos espazos", que "funcionou" como se prevía e logrou "unha feira máis ordenada e estruturada que en anos anteriores".
As empresas e entidades presentes no Culturgal, afirma Bragado, "tamén nos fixeron chegar felicitacións" por "acadar maior visibilidade".
E este, "ao cabo, é un dos propósitos principais da feira", que nesta
ocasión tamén puxo o acento na posibilidade de poñer en contacto a
diversos axentes da industria cultural do país.
En síntese, di Bragado, "podemos estar moi contentos da excelencia do
programa de actividades, cun alto nivel de calidade e con
representatividade de todas as disciplinas que operan no sector
cultural". A feira, resalta, non só repercutiu no recinto do Pazo da
Cultura ou na industria cultural. Tamén é "moi de valorar a repercusión no sector hostaleiro de Pontevedra",
que desta volta "ofreceu descontos ao público grazas a unha iniciativa
do Concello, o cal incrementou a presenza" do Culturgal na cidade, di.
Ningún comentario:
Publicar un comentario