A Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais distribuirá ata 2.500 dípticos nos centros escolares para que cheguen ás familias.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá con responsables da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais para dar a coñecer a campaña "Por un xogo igualitario e non violento". Esta ten por obxectivo a reflexión sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos coa finalidade de impulsar a igualdade e evitar a violencia; inclúe ademais un decálogo para axudar a identificar os agasallos adecuados que promoven a igualdade, o diálogo, o consenso, a paz e a creatividade.A Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais comprometeuse a apoiar a Deputación de Pontevedra na difusión da campaña "Por un xogo igualitario e non violento". Para iso distribuirá nos vindeiros días ata 2.500 dípticos nos centros escolares coa finalidade de achegárllelos ás familias.
A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que "esta campaña quere sensibilizar á sociedade para que nos fagamos conscientes de qué cousas que facemos de forma natural van creando estereotipos sobre a situación que ocupan as mulleres e os homes. Regalar a unha nena un disfrace de princesa ou a un neno un de superman implica que lles esteamos aplicando roles apartados da igualdade". Neste sentido Carmela Silva subliñou a necesidade de iniciar o camiño da igualdade desde o berce, "que nais, pais e educadoras e educadores tomen conciencia para que desde o berce nenas e nenos teñan as mesmas oportunidades e compartan espazos de xogo en igualdade".
Carmela
Silva agradeceu o compromiso da Federación Provincial de Asociacións de
Nais e Pais por apoiar esta iniciativa da Deputación de Pontevedra, xa
que "sen eles sería moi difícil chegar ás familias". Tamén a presidenta
destacou o traballo que desenvolve a Federación, que "ten un firme
compromiso na defensa da educación pública, universal, de calidade e en
igualdade, son coñecedoras e coñecedores de que ou educamos en igualdade
ou, sinxelamente, non educamos". Neste contexto, Silva manifestoulles
aos responsables da Federación o seu interese en colaborar para impulsar
actuacións no ámbito educativo e familiar.
Pola súa banda, o
portavoz da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais, Rogelio
Carballo, asegurou que "esta campaña de sensibilización é fantástica,
xa que se trata de impulsar que as nais e os pais eduquen as súas fillas
e os seus fillos en ámbitos de igualdade, sen obrigar a participar ás
nenas e aos nenos en xogos sexistas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario