A Factultade de Enxeñaría Informática en Ourense acollerá o venres obradoiros de programación, impresión 3D e robótica. Están abertas ao alumnado de Primaria e Secundaria, aos centros e ás familias.
O venres día 11 de decembro a Escola Superior de Enxeñaría Informática
do campus de Ourense abrirá as súas portas para que os rapaces e rapazas
de 6 a 17 anos que o desexen se acheguen a aprender nocións básicas de
programación, impresión 3D e robótica dun xeito ameno, divertido e
accesible. Será na Hora do Código, unha iniciativa internacional ao que o
centro se une xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
de Galicia e á Concellaría de Educación de Ourense.
A iniciativa foi presentada este luns no campus de Ourense polos
representantes das entidades organizadoras. “É importante que os rapaces
e rapazas coñezan o que hai detrás de instrumentos que empregan todos
os días, que forman parte xa da súa vida diaria”, comentou Ana Garriga,
directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O obxectivo da
iniciativa é, recalcou Fernando Suárez, decano do Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia, “estender os coñecementos de
ciencias da computación” aos máis pequenos e pequenas para que “coñezan
os conceptos e o mundo no que viven”, un mundo no que a tecnoloxía está
cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación.
“Unha hora de código pode resultar moi enriquecedora”, subliñou Belén
Iglesias, concelleira de Educación, que fixo fincapé en que a
programación é hoxe en día “unha das linguaxes máis universais que
existen” e que o seu coñecemento fomenta habilidades como a creatividade
e a lóxica.
Abertas ao alumnado de Primaria e Secundaria, aos centros e ás familias
Segundo explicaron na presentación este luns da iniciativa, o proxecto
Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde o ano 2013 pola
entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento
internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás
ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode
aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta
disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas
grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e
Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zukerberg.
Na Escola Superior de Enxeñaría Informática serán tres as actividades
que se desenvolverán coa participación de voluntarios do centro e do
colexio profesional. A primeira actividade será de introdución á
programación e nela haberá sesións dunha hora na que os cativos e
cativas de 6 a 10 anos poderán aprender a programar xogos de Starwars ou
Frozen. Tamén haberá sesións de iniciación ao Scratch, nas que poderán
inscribirse rapaces e rapazas de 10 a 16 anos. A segunda actividade,
deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos, será de impresión en
3D, onde as persoas participantes poderán aprender como se fan pezas e
se traballa con escáners, impresoras e lapis 3D. Por último, celebrarase
unha actividade de programación de dispositivos de robótica con
Arduino, pensada para adolescentes de 13 a 17 anos. Para cada actividade
haberá varias aulas habilitadas, celebrándose sesións a diferentes
horas ás que tamén poden asistir os pais e nais que o desexen.
Con este programa de balde, as entidades organizadoras quixeron este
luns animar a todos os rapaces e rapazas e aos centros de Primaria e
Secundaria da provincia a inscribirse a través da páxina web habilitada
para o evento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario