luns, 14 de decembro de 2015

Unha nova excusa para bater no profesorado


Nestas últimas datas están a aparecer nos medios novas acerca do informe da OCDE que se publicou recentemente, e que analizan o estado do ensino e os seus axentes no estado español.

No STEG non imos entrar a valorar ese informe, posto que a OCDE é un organismo de carácter económico, que basea os seus estudos en comparativas entre os estados membros, e non entra a valorar as características particulares de cada un dos territorios, co que se deixa de lado a labor social da educación, imposible de medir nos termos que esta organización manexa.

Pero o que non se pode consentir é que se utilice este mesmo informe para seguir perpetrando esta campaña de desprestixio da profesión docente, reavivada nesta precampaña electoral, que semellaba estancada dende que o señor Wert pasou ao seu retiro dourado en París. Seica o máis salientable deste informe é que ao profesorado non se lle somete a unha avaliación externa, ou o número de xente nova que non estudia nin traballa, coma se buscasen unha xustificación para as últimas declaracións do señor Marina.

Quizais non se considera importante que España sexa un dos países nos que máis se recorta en educación. Ao mellor non é relevante que, mentres se afirma que canto menor é o número de alumnado por aula máis tempo se lle pode adicar a un ensino individualizado, se recoñeza que a media de alumno por aula é maior en España que na media da OCDE. Seica non interesa saber que España é, despois de Grecia, o país onde hai máis titulados superiores en paro. E, por suposto que ninguén quere saber que a profesión docente é unha das peor pagadas entre os traballadores con niveis de estudos similares.

Certo, a campaña debe centrarse en que aos docentes non se lles avalía. Nunha cousa teñen razón, alomenos en parte: os docentes do ensino privado e concertado non teñen que pasar polas durísimas probas de acceso á función pública docente. Segundo a OCDE, esta avaliación inicial, lonxe de ser abondo para seleccionar as persoas mellor preparadas para o ensino público, debe ser tan mala que incluso fai inútil o traballo da inspección educativa, que é o servizo que debe velar pola boa calidade do sistema.
Dende o STEG queremos recomendarlles ás señoras e señores da OCDE que, se queren saber cales son os problemas do ensino público, non os vaian buscar nos docentes, que son os que están salvando a educación mantendo o nivel do ensino público, a pesar do aumento da carga horaria, o aumento do número de alumnos por aula e a perda de dereitos laborais que levan sufrindo dende hai anos.

Permanente do Secretariado Nacional do STEG

Ningún comentario:

Publicar un comentario