Os salarios acadaran un nivel máximo ao longo do 2011 (1.623 euros no terceiro trimestre) e caeron con forza no 2012. Iniciaron nese momento unha tímida tendencia de crecemento, que nos últimos 12 meses se invertiu, volvendo a caer en Galicia o custe salarial medio. No conxunto do Estado a evolución é semellante, aínda que na nosa comunidade foi maior tanto o descenso de 2012 coma o ascenso de 2013. Dende entón, mentres que no conxunto de España o custe salarial experimenta unha pequena suba (+0,3% no último ano), en Galicia a evolución é negativa (-0,05%). Aínda que é certo que o Índice de Prezos ao Consumo permanece igualmente estancado, o conxunto de asalariados e asalariadas perdeu poder adquisitivo ao longo da crise económica e estes datos amosan que non o están a recuperar.
Analizando os datos por comunidades autónomas, vemos que só hai outros cinco territorios nos que o custe salarial descendeu nos últimos doce meses (Castilla-La Mancha, Navarra, Euskadi, Andalucía e Extremadura). Ademais, podemos observar que Galicia segue a ser unha das autonomías con salarios máis baixos por traballador/a e tamén por hora traballada. En canto ao custe salarial total, está máis de 200 euros por debaixo da media española (1.602 fronte a 1.810 euros) e só supera á Comunitat Valenciana, Extremadura, Canarias e Castilla-La Mancha. En canto ao salario por hora de traballo, Galicia é cuarta pola cola, só por diante de Estremadura, Canarias e Illes Balears, dous euros por debaixo da media española (12,76 fronte a 14,87).
Ningún comentario:
Publicar un comentario