A diferenza no conxunto de Galicia é de 1,7 euros (8,8 fronte a 7,1), unha fenda que se fai maior nas cidades máis poboadas, nomeadamente A Coruña (2,8 euros de diferenza) e Vigo (2,1). Aparecen a continuación Pontevedra (1,7), Ferrol (1,6) e Compostela (1,2). E, en cambio, a fenda é menor en Ourense (0,8) e Lugo (0,6).
Analizando os datos polo miúdo, vemos que os salarios medios por hora son -como era esperable- maiores para aquelas persoas con contratos indefinidos e a tempo completo e máis reducidos nas modalidades temporais e a tempo parcial. Pero como afecta isto ás fendas de xénero? A diferenza salarial entre homes e mulleres é maior nas contratacións indefinidas (8,9 euros á hora fronte a 6,7) que nas temporais (7,5 fronte a 6,3). A fenda de xénero redúcese nas persoas que traballan a xornada completa (8,7 fronte a 7,5) e dispárase nos empregos con xornadas a tempo parcial (9,1 fronte a 6).
A fenda de xénero dispárase nos empregos con xornadas a tempo parcial (9,1 fronte a 6)Analizando cidade por cidade, observamos que no caso dos contratos indefinidos as dinámicas son semellantes ás xa comentadas para o conxuntos dos asalariados e asalariadas. Aquí, a diferenza entre homes e mulleres chega a ser de 3,1 euros a hora na Coruña e de 2,5 en Pontevedra e Vigo, acadando os 2 euros en Compostela e os 1,8 en Ferrol.
Nos contratos temporais atopamos algunhas sorpresas e unha gran variación dunha urbe á outra: a diferenza entre homes e mulleres é de 3,5 euros na Coruña e de 2,8 en Vigo. Pola contra, descende ata os 0,5 euros en Ourense e os 0,4 en Compostela. Ademais, desaparece en Pontevedra (homes e mulleres cobran o mesmo) e, de forma moi sorprendente, o IGE dinos que as mulleres con contratos tempostais cobran máis que os homes na mesma situación.
Nos contratos temporais a diferenza entre homes e mulleres é de 3,5 euros na Coruña e de 2,8 en VigoDe igual xeito, mentres que nas xornadas a tempo completo, as diferenzas son relativamente estables nunha e noutra cidade, sendo superiores na Coruña (2,1 euros) e máis reducidas en Ourense e Lugo (0,3), as marxes son máis amplas nos empregos a tempo parcial. Tamén o é o desequilibrio salarial entre homes e mulleres: na Coruña hai unha diferenza de 4,7 euros por cada hora de traballo, de 3,9 en Vigo e de 2,9 en Ferrol. En Lugo é onde a fenda é menor: 0,9.
Ningún comentario:
Publicar un comentario