Esta semana soubemos de dúas novidades importantes
achegadas pola nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de
software libre (máis polo miúdo a asociación GALPon). Por unha
banda, soubemos do lanzamento en probas da versión para tabletas do
sistema operativo libre PicarOS, como lembraremos especialmente
dirixido para os máis pequenos da casa. Pola outra, presentáronse
as liñas xerais da publicación da versión alfa de MiniNo 3.0,
distribución GNU/Linux baseada en Debian que ten por obxectivo dar
solución a computadores moi antigos e con moi poucos recursos (e que
precisamente serve de raizame a PicarOs a través dunha adaptación á
nenez da súa interface, características e funcións).
Volvendo á versión para os ditos dispositivos de
PicarOS, dicir que xa foi creada unha imaxe
de probas de PicarOs Diego 2015 para tabletas x86. Esta imaxe,
sinala
Mancomún reflectindo información de GALPon, está probada nunha
tableta Acer ACER P3 cun i3. Dende o colectivo de desenvolvedores
animan a todos os interesados a probala e deixar os
seus comentarios nos foros específicos (e o mesmo se lle tiran
proveito noutros dispositivos semellantes).
No que atinxe a MiniNo personalizouse
para o ámbito do ensino secundario a versión MiniNo Ártabros,
feita por Santiago Camblor, profesor de tecnoloxía do IES Pedro de
Tolosa de San Martín de Valdeiglesias (Madrid). Esta adaptación
conta cunha serie de aplicacións empregadas en Secundaria, e tamén
con usuario para o alumno de tipo usuario conxelado, de xeito que
cando se pecha a sesión bórranse todos os cambios feitos.
Ademais, como dixemos ao comezo, xa vai estar
dispoñíbel a primeira versión alfa da nova MiniNo 3.0 para a que
se conta ter a primeira versión beta para principios de ano. Os
interesados en probar esta nova versión e colaborar reportando erros
poden descargala no portal de
MiniNo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario