mércores, 23 de decembro de 2015

POR UN NADAL MÁIS VERDE: Consellos para non consumirte nas festas

Probablemente, a crise económica contribuíu a reducir o impacto, pero o ambiente leva décadas clamando por unha redución no ritmo de consumo de recursos naturais. Constátase un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral. Son estes os síntomas dunha sociedade en perigo.

ADEGA elaborou o manual "Por un Nadal máis verde"  para axudarche a superar as festas do consumismo.

Eis algúns consellos que atoparás neste manual para que o noso comportamento nestas festas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural:

- Na nosa mesa mellor produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida. Evita aqueles alimentos que percorreron moitos quilómetros até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas arrasadas de bosque tropical, como son os ananás, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais ou capturados con pesca de arrastre. Innova este ano e muda de menú, merca produtos ecolóxicos, de pesca artesanal e de comercio xusto.

- Consume produtos galegos e etiquetados en galego. O consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas, e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e inviste nos teus veciños e veciñas máis próximos.

- Non espolies o monte, evita arrincar seres vivos para os adornos naturais. Especies como o acivro ou a xilbardeira (Ruscus aculeatus) foron comunmente arrincados para este fin. Mellor que eles fiquen no medio natural e nós lle botemos imaxinación á hora de engalanar a casa por exemplo con materiais reciclados.



- De agasallar mascotas (mellor en adopción procedentes dun refuxio de animais) ou plantas, ten en conta que a persoa á que vai destinada será a responsábel de coidala axeitadamente todo o ano. Poderá?... Con todo, procura evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo. Ademais, a súa liberación fortuíta ou ben intencionada no noso ambiente pode causar graves danos á biodiversidade autóctona.

- Se precisas mercar ou agasallar cousas de países lonxanos lémbrate das entidades galegas que desenvolven iniciativas de comercio xusto. Agasalla compromiso co patrimonio natural e cultural de Galiza e contribúe a manter viva unha loita de máis de 39 anos. 

E lembra, consume sen consumirte. Bo nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario