xoves, 3 de decembro de 2015

Galicia perdeu 25.000 empregos durante os catro anos de Rajoy na Moncloa

Sobe o paro en Galicia. E faino mentres se reduce no conxunto do Estado, sendo a segunda comunidade onde máis se incrementa o número de desempregados. O país contaba en novembro con 225.158 parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego, 3.066 persoas e un 1,38% máis que en outubro. Un aumento que contrasta co descenso do 0,65% no conxunto de Estado, onde cae a cifra de desemprego en máis de 27.000 persoas ata quedar nos 4.149.298.
A evolución do mercado laboral non lle dá ao PP nin para presumir de lexislatura de Rajoy. Nos catro anos desde a chegada de Rajoy á Moncloa, o paro rexistrado no país descendeu en 28.258 persoas, pero seguiu destruíndose emprego. Hai 25.215 afiliados menos á Seguridade Social.
O paro sobe en Galicia en máis de 3.000 persoas mentres baixa en máis de 27.000 no conxunto do Estado
Tan só as Illes Balears, coa fin definitiva do bo tempo e o descenso na actividade turística, tivo en novembro un peor comportamento laboral que Galicia, que segue a perder o diferencial positivo do que presumiu a Xunta durante a crise. A comunidade autónoma conta, iso si, con 23.474 parados rexistrados menos que hai un ano, un descenso do -9,44%, fronte ao -8,04% no Estado, con 362.818 parados menos.
O desemprego sobe en todas as provincias galegas agás en Pontevedra, con taxas de incremento que chegan ao 3,6% e o 3,5% de Lugo e Ourense, xunto ao 1,93% da Coruña. No territorio pontevedrés, o número de parados baixa en 241 persoas. Ademais, o desemprego ascende en todos os sectores económicos, especialmente nos servizos, que acumula máis da metade do incremento do paro (+1.747). A suba é de 392 parados na agricultura, 251 na industria, 426 na construción e 250 no colectivo sen emprego anterior.
Por sexo, Galicia conta con 122.449 mulleres desempregadas e 102.709 homes. Mentres que por idades, 11.628 do total son menores de 25 anos e o resto atópanse en grupos de máis idade.
O sector servizos acumula máis da metade do aumento do desemprego do mes de novembro
En canto ao número de traballadores afiliados á Seguridade Social, a cifra caeu en Galicia en 2.076 persoas, polo que só pouco máis de dous milleiros pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo. Esta diferenza entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listas de demandantes de emprego ou o paso á economía en b.
En canto aos datos interanuais, baixa moito máis o paro rexistrado do que se incrementa a afiliación á Seguridade Social (23.474 persoas menos en paro fronte a 20.471 afiliacións máis), situación que se explica tamén pola emigración e a retirada do mercado laboral de persoas desanimadas pola falta de oportunidades.
Respecto dos contratos laborais, en novembro houbo en Galicia 68.070 contratacións, é dicir, 9.921 menos que en outubro, aínda que 10.739 máis que no mesmo mes de 2014. En concreto, rexistráronse 5.279 contratos indefinidos ou convertidos en indefinidos (menos do 4% do total e 938 menos que o mes anterior) e 62.791 temporais (8.983 menos que en outubro). Xa que logo, o emprego baixa e o que se crea segue a ser precario e momentáneo.
En Galicia hai máis de 95.000 parados con experiencia laboral que non cobran prestación ningunha
En canto á cobertura dos desempregados, no mes de outubro de 2015 había 108.361 persoas a cobraren unha prestación por desemprego: 43.565 percibían un subsidio por desemprego, 51.766 contributivas, 11.988 a renda activa de inserción e 1.042 correspondían ao programa de activación de emprego. Son 18.652 persoas beneficiadas menos ca hai un ano, e a situación agrávase porque hai máis percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva.
A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de outubro de 2015 foi do 53,15 %, mentres que un ano antes era do 56,69 %. Polo tanto, en Galicia hai máis de 95.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.
O número de traballadores afiliados á Seguridade Social caeu en 2.076 e menos do 4% dos contratos asinados foron indefinidoos

Feijóo presume de datos

"Pode contalo como queira, vostede ten máis parados que cando chegou ao Goberno e o PIB, por baixo de 2007", díxolle o voceiro do PSdeG no Parlamento ao presidente Núñez Feijóo na sesión de control deste mércores. O xefe do Executivo, malia os malos datos deste mes, presumiu de evolución.
Feijóo presume de que "cando o PP goberna, inícase a recuperación económica"
"Cando o PSOE goberna, fúndese a economía e se destrúe emprego, e cando o PP goberna, iníciase a recuperación económica. Non o digo eu, o dicen os cidadáns cando votan", respondeulle. "Por iso hoxe o paro rexistrado está en 23.500 persoas menos que hai un ano e por iso temos 53.600 persoas menos nas listas de paro que cando empezou a lexislatura. Por iso a taxa de paro segue sendo 3,4 puntos menor á media de España e por iso o PIB está crecendo por riba do 2% mentres decrecía ao final da súa lexislatura", engadiu Feijóo.

Menos emprego en Galicia tras catro anos con Rajoy


Sexa como for, e a poucos días do comezo da campaña electoral, pouco poderá presumir o PP da lexislatura de Rajoy en canto a emprego. Tampouco en Galicia. O país contaba en novembro de 2011, mes no que Rajoy gañou as eleccións, con 253.416 parados rexistrados, fronte aos 225.158 de agora. Son 28.258 menos apuntados nas listas do antigo Inem, pero iso non significa que se crease emprego.
Nos catro anos de lexislatura de Rajoy, Galicia destruíu máis de 25.000 empregos malia descender o paro rexistrado en 28.000 persoas
De feito, hai 25.215 afiliados  menos á Seguridade Social que hai catro anos: 949.130 fronte aos 974.345 de novembro de 2011. Xa que logo, durante a lexislatura déronse de baixa menos de 30.000 persoas nas oficinas de emprego pero a afiliación non só non incrementou, senón que descendeu en máis de 25.000. A masiva destrución de emprego durante os anos do GOberno de Rajjoy colocou o paro no seu máximo histórico e o mercado de traballo en mínimos. A chamada recuperación económica non é dabondo e a maioría de persoas que desaparecen dos rexistros do Inem fano porque emigraron, porque ven inútil estar apuntado ou porque se xubilaron.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario