O venres pasado
celebrouse
na Escola Superior de Enxeñaría Informática ESEI do Campus de
Ourense unha parte importante das celebracións galegas da
iniciativa internacional a Hora
do Código, destinada a amosar as vantaxes e beneficios de
aprendermos a programar dende idades temperás. As celebracións da
ESEI combináronse coas da Facultade
de Informática da Coruña e coas
visitas a un bo número de centros educativos galegos levadas a cabo
polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (o CPEIG,
que tamén participou arreo nas actividades da ESEI e da FIC).
Polo que respecta ao
centro do Campus de Ourense, sinalar que con motivo da Hora do Código
abriu as súas portas a rapaces e rapazas de 6 a 17 anos para
ofrecerlles (xunto ao Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia) nocións básicas de programación,
impresión 3D e robótica. “O obxectivo foi que coñeceran dun
xeito ameno e accesíbel a tecnoloxía que xa usan decote”,
explicou Ana Garriga, directora da ESEI. Segundo engadiu Virxilio
Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, “a Hora do Código
parécenos unha iniciativa moi positiva, pois permite aos
participantes comprender mellor a tecnoloxía que nos rodea e quen
sabe, quizais facer canteira, espertar algunha vocación”.
Segundo a organización,
un total de 150 nais, pais e nenos e nenas apuntáronse a esta
iniciativa na ESEI, esgotándose todas as prazas ofertadas. Elas e
eles puideron divertirse e aprender nas tres actividades que se
desenvolveron coa participación de voluntarios do centro e do dito
colexio profesional. A primeira actividade foi de introdución á
programación e nela houbo sesións dunha hora na que os cativos e
cativas de 6 a 10 anos puideron aprender a programar xogos de
Starwars ou Frozen. Tamén houbo sesións de iniciación
ao Scratch para rapaces e rapazas de 10 a 16 anos.
A
segunda actividade, deseñada para rapaces e rapazas de 10 a 15 anos,
foi de impresión en 3D. Nela as persoas participantes tiveron a
oportunidade de coñecer todo o proceso de creación dunha peza en
tres dimensións, empregando escáners, impresoras e lapis 3D. Os
inscritos puxéronse mans á obra para crear as súas propias pezas
seguindo as indicacións de Ana Gómez e Pablo González, da empresa
ourensá + que 3D. Por último, celebrouse unha actividade de
programación de dispositivos de robótica con Arduino, pensada para
adolescentes de 13 a 17 anos. Nela, Fernando Coladas, ofreceu aos
participantes nocións básicas de robótica, programando sobre unha
placa de software e hardware libre, “o auténtico cerebro dun
robot”, e traballando con diferentes dispositivos sobre ela.
Polo que atinxe ás accións desenvolvidas polo
CPEIG nos centros educativos, sinalar que foron levadas a cabo co
alumnado do CEP de Ventín (Ames), o CEIP Curros Enríquez
(Celanova), o CEIP Virxe da Pena da Sela (O Irixo), o CEIP
Vistahermosa (Ourense) e A Grande Obra de Atocha (A Coruña). Os
colexiados do CPEIG, coa axuda do profesorado, ocuparon a nenas e
nenos desde Infantil ata sexto de Primaria nos diferentes
obradoiros para aprender a programar.
Como lembraremos, o
proxecto Hour of Code, Hora do Código, está promovido desde
o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org.
Trátase dun evento internacional de introdución ás ciencias da
computación durante unha hora, deseñado para amosar que todo o
mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos
básicos desta disciplina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario