O pasado sábado centos de nenos, nenas, nais e pais
participaron en Malpica nunha cadea humana organizada pola Confederación
Anpas Galegas reclamando unha nova normativa sobre atención educativa
hospitalaria e domiciliaria. Na mobilización
participaron Nieves Villar o seu fillo Hadrián, que veñen personalizando
no seu caso esta reivindicación e esta problemática, que afecta a
moitos outros rapaces e rapazas en Galicia.
En outubro a situación de Hadrián Antelo saltou ás portadas do medios,
un rapaz de once anos que sofre leucemia e para o que a súa familia
reclamaba unha mellor atención educativa, entendendo que o ensino debe
ser garantido en condicións de igualdade pola Administración. A loita de
Hadrián e a súa familia fixo que semanas despois a Xunta reaccionase,
activando a Consellería Educación o Protocolo de Atención Educativa
Domiciliaria, que permitirá impartir aulas nas súas casas aos alumnos
que falten máis dun mes ao colexio por unha longa enfermidade. Unha
medida positiva pero que a familia de Hadrián e outras xulgaron
insuficiente.
Este sábado en Malpica demandouse que a Consellaría convoque "unha mesa
na que estean presentes familias, profesionais da educación que agora
mesmo están atendendo a estas nenas e nenos, profesionais da saúde,
profesionais da educación que forman aos profesionais que atenden a
estas nenas e nenos, técnicos da administración educativa e a todos
aqueles sectores da sociedade que sexan necesarios, para que entre todas e todos elaboremos unha normativa acorde á realidade e as necesidades das nosas fillas e fillos". Unha normativa que "garanta dereitos concretos e procedementos claros".
Lembrouse, así mesmo, a loita desenvolvida durante os anos 2001 e 2002 na cidade de Vigo e a súa comarca
"por familias cuxas fillas e fillos estaban a padecer o abandono
educativo que hoxe denunciamos", unha mobilización que logrou que a
administración educativa galega "recoñecera o dereito a atención
educativa hospitalaria e domiciliaria de todas as alumnas e alumnos que
non podían asistir ás aulas por mor dunha longa enfermidade ou dunha
lesión".
O manifesto final criticou o “protocolo para a atención educativa domiciliaria” aprobado pola Consellaría, "un
documento que dedica cinco páxinas a tratar a atención domiciliaria,
esquecéndose completamente da hospitalaria e que non achega
absolutamente nada ao que agora temos que é: nenas e nenos que dependen
educativamente do esforzo individual e voluntarista de profesionais sen
medios, sen recursos, sen apoios e sen contacto entre eles". E esixiu
que a Xunta "blinde este dereito fundamental, ampliando a regulación e
establecendo dereitos concretos e procedementos obrigatorios para as
distintas administracións".
No texto tamén se fixo un recoñecemento destacado á loita de Hadrián e a súa familia,
sobre todo a súa nai Nieves, "polo seu enorme esforzo e polo exemplo de
solidariedade na procura deste obxectivo común". "Grazas pola vosa
disposición incondicional a encabezar esta loita que é de todas e de
todos", salientouse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario