mércores, 23 de decembro de 2015

As profesións TIC serán as máis demandadas de 2016

Esta recta final de ano que estamos a vivir é dende sempre un período clásico de recontos e previsións. Entre os informes máis interesantes para os lectores de Código Cero atópase sen dúbida o ranking feito pola firma Randstad no que se especifican os perfís profesionais de meirande proxección para o novo ano que se achega, ou sexa, aqueles tipos laborais que van ser máis demandados por todo tipo de empresas ao longo de 2016. A clasificación agoira o que xa avanzamos hai uns días dende a Cidade da Cultura de Galicia na compaña de Everis e AMTEGA: que haberá unha nova suba na demanda de profesionais TIC por parte das empresas galegas, estatais e europeas.
Así, máis en detalle, o ranking de Randstad está encabezado por enxeñeiros, comerciais e profesionais das novas tecnoloxías da información. Por capacidades, as máis reclamadas serán as seguintes: capacidade analítica, orientación a resultados, visión estratéxica, experiencia e coñecementos en comercio e vendas.
No estudo detállase que o sector TIC será unha vez máis un dos principais eidos de contratación en España e Europa, sobre todo de enxeñeiros informáticos con experiencia laboral (principalmente programadores .Net e Java, consultores de CRM e desenvolvedores de aplicacións móbiles e de comercio electrónico). No que atinxe a mercadotecnia e vendas, confírmase que para 2016 recuncará como un dos ámbitos de meirande dinamismo profesional (de feito en 2015 abrangueu o 15% das ofertas totais de emprego). Iso si, neste ano que está a piques de comezar e sen saírmonos do eido do marketing, requiriranse traballadores con meirande responsabilidade, como por exemplo brand managers, key account managers e marketing managers.

Ningún comentario:

Publicar un comentario