Un informe revela a alarmante falta de vocacións científicas e que non se cubrirá a demanda de profesionais.
No próximos cinco anos, o índice de titulados nas Universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC. Dos 10.000 alumnos titulados nas Universidades galegas en 2014, só 753 cursaron carreiras científico-tecnolóxicas, unha tendencia descendente que se mantén desde 2010. Uns datos que contrastan coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.
Só un 8,5% dos universitarios cursa estudos STEM.
Este informe é unha das iniciativas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para impulsar as vocacións tecnolóxicas e dar resposta á demanda de novos perfís dixitais que demanda o sector. En Galicia o sector tecnolóxico emprega a máis de 14.000 persoas e rexistrou un volume de negocio en 2014 de 2.936 millóns de euros, un 4,6% máis que o ano anterior.
O 40% dos alumnos de Secundaria non se senten capaces de estudar unha carreira científicaPara atopar a causa da falta de vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas), o estudo, realizado a partir dunha mostra de 5.120 estudantes de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato da 40 centros educativos da Comunidade, identifica unha serie de variables que inflúen nos alumnos á hora de elixir o seu itinerario formativo: o propio alumno, a contorna próxima, a contorna educativa e a contorna social. Sobre estes mesmos ámbitos, o estudo propón diferentes liñas de actuación para contribuír ao incremento de vocacións TIC.
O estudo pon de manifesto que case o 40% dos estudantes non se senten capaces de cursar este tipo de estudos. Unha falta de autoconfianza que se incrementa no caso das alumnas, xa que só o 54% ven capacitadas para estudar unha carreira do ámbito TIC fronte ao 74% dos alumnos. Esta fenda de xénero tamén se reflicte no feito de que, fronte ao 46% dos mozos que optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico, unicamente un 33% das rapazas o elixen.
La vocación é a motivación principal dos alumnos (92%) para a elección do tipo de estudos, seguido da utilidade e da facilidade. Precisamente, a facilidade é o motivo que sinala o 59% de alumnos de ESO que se decantan por un Bacharelato distinto ao Científico-Tecnolóxico. Por tanto, é preciso traballar para cambiar a percepción da mala relación esforzo– beneficio, sobre este tipo de itinerarios formativos.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O contexto do alumno, nas súas diferentes facetas, é o principal condicionante no momento de elección de estudos STEM. O estudo pon de manifesto que a influencia das nais e pais é a máis relevante para tomar unha decisión sobre formación, segundo declararon o 79% dos alumnos.
En canto á influencia do contexto académico, o estudo revela que o rendemento académico dos estudantes de Bacharelato Científico-Tecnolóxico é superior ao daqueles que optaron por outros itinerarios formativos. Este feito, sumado á imaxe de excesiva dificultade neste tipo de estudos, subliña a necesidade de poñer en marcha accións que suavicen percepción de dificultade destas carreiras e que poñan en valor a relación positiva entre custo–beneficio de desenvolvelas.
O estudo revela que os alumnos non coñecen as saídas profesionais das cienciasPor outra banda, o estudo constata que os alumnos demandan maior información sobre as distintas profesións, o que fai preciso redefinir as colaboracións escola– universidade–empresa, creando novas sinerxias que permitan unha transferencia de coñecemento.
Aínda que en xeral, os alumnos asocian os estudos e profesións relacionadas coas ciencias, tecnoloxías, enxeñerías ou matemáticas a traballos ben remunerados e cun considerable impacto social, o estudo reflicte que hai unha porcentaxe de estudantes que descoñecen esta realidade, polo que se considera necesario incidir sobre dous elementos como son o prestixio e a utilidade social.
Tamén a imaxe que perciben os alumnos sobre os profesores e materias científico– tecnolóxicas, é relevante, polo que o estudo propón fortalecer por unha banda, a formación e competencias nas TIC do profesorado non STEM, e no caso do profesorado STEM, promover accións que reforcen a súa base didáctica para facilitar un maior achegamento ao alumnado.
En canto ás materias de informática e tecnoloxía o estudo apunta á necesidade de darlles un carácter máis transversal, así como aumentar nelas o peso da creación dixital (programación, robótica, etc.).
O informe completo está dispoñible no portal da Amtega, http://amtega.xunta.gal/documentos/
Ningún comentario:
Publicar un comentario