A Confederación de ANPA solicita que se lle permita a un neno de Lalín con necesidades específicas de apoio educativo seguir estudando nun colexio ordinario, o Manuel Rivero da mesma localidade.
As ANPA reivindicaron este sábado a través dun comunicado de prensa o dereito á inclusión de todos os nenos e nenas dentro dos centros educativos ordinarios.“Os centros de educación especial deben estar reservados para casos moi específicos, e utilizándoos sempre dende o punto de vista da conveniencia para o alumno que asista ás súas clases. En ningún momento se deben utilizar eses centros como método para retirar das clases ordinarias a ningún neno ou nena, poñendo como escusa as hipotéticas molestias que poidan causar para os seus compañeiros e compañeiras”, sinalou a Confederación de ANPA a raíz da polémica xurdida nun centro de ensino de Lalín.
Nos últimos días, o colexio Manuel Rivero acolleu protestos dun grupo de pais e nais que decidiron non levar as súas crianzas ás aulas para conseguir o trasladado dun cativo con necesidades específicas de apoio educativo a un centro de educación especial.
As ANPA diríxese aos pais que protestan "están a privar os seus propios fillos e fillas das mellores leccións que poden obter, as que entrega a propia realidade, e a aprendizaxe entre iguais"A Confederación de ANPA diríxense ao grupo de pais e nais que renunciaron a levar as crianzas ao colexio para lles dicir que “están a privar os seus propios fillos e fillas das mellores leccións que poden obter, as que entrega a propia realidade, e a aprendizaxe entre iguais”. Tamén se dirixe ás autoridades educativas para que camiñen cara á “inclusión de todos os nenos e nenas galegos dentro dun sistema educativo que se deseñe, e se materialice, para que todos e todas estean nel, achegando a súa personalidade, as súas características e as súas diferenzas, e construíndo unha sociedade máis xusta e equitativa.
As ANPA explican que a inclusión de estudantes con necesidades específicas de apoio educativo necesita “varios condicionantes para ser efectiva”. Citan, así, que “é necesario o achegamento de medios niveladores, tecnolóxicos, sanitarios, persoais e estruturais que fagan posíbel ao máximo a participación destas persoas na vida cotiá do grupo no que se integre”. Tamén consideran imprescindíbel que a inclusión se realice “coa presenza e participación de profesionais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario