martes, 5 de maio de 2015

Cal é o modelo da lingua galega para o futuro?

Varios profesores da Facultade de Filoloxía da UDC publican 'Modelos de lingua e compromiso', unha reflexión sobre o noso idioma e a súa recuperación.

“Modelos de Lingua e Compromiso”. Ese é o novo volume publicado por Baía Edicións que procura unha reflexión sobre a “necesaria vinculación entre calidade do noso idioma e a súa recuperación”.
 
Nesta publicación, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei,  colaboran  os profesores da Facultade de Filoloxía da UDC  Goretti Sanmartín Rei, Laura Tato Fontaíña, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC.
 
Segundo apunta Baía Edicións nunc omunicado o propio título deste volume colectivo, “sintetiza con acerto unha das ideas xerais contidas e matizadas en cada un dos traballos desde prismas diferentes, cal é o estreito vínculo entre a implicación coa normalización do galego en todos os ámbitos de uso e a predilección por un modelo lingüístico capaz de o estilizar e de o dignificar”.
 
Dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua”, engade.
 
Este volume está dividido en distintas partes que abordan cuestións máis concretas da lingua: “Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego”, de Xosé Ramón Freixeiro Mato; “A preocupación por unha lingua oral de calidade: aproximación histórica ao caso do galego nos anos finais do século XIX e nos inicios do XX”, de Xosé Manuel Sánchez Rei; “Arredor da calidade da lingua no teatro da primeira metade do século XX”, de  Laura Tato Fontaíña; “Eduardo Pondal á procura do verbo sublimado. Arredor das re-escrituras pondalianas”, de Manuel Ferreiro e “A estética da seguranza. Lingua e transcendencia en Rosalía”, de Goretti Sanmartín Rei.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario